As clases empezarán de forma escalada por cursos e os escolares deberán levar unha máscara de recambio
Por Redacción
O curso escolar 2020-2021 empezará en Galicia a partir do 10 de setembro, pero non todos os escolares terán que acudir ao colexio ese día. A Consellería de Educación anunciou este luns un novo calendario segundo o cal o alumnado se irá incorporando de forma gradual.
O xoves 10 terán que acudir os alumnos de cuarto e quinto de Educación Infantil (3 e 4 anos) e primeiro, segundo e terceiro de Primaria; así como Educación Especial.
O venres 11 tamén irán os de último curso de Infantil (6 anos( e os de cuarto, quinto e sexto de Primaria. Ese día irán, por tanto, todos os escolares de Infantil e Primaria.
O mércores 16 estaba previsto o inicio en Secundaria, pero tamén será gradual. O alumnado de primeiro e segundo de ESO, primeiro de Bacharelato, primeiro de FP Media e primeiro de FP Superior irá a clase ese día.
O xoves 17 incorporarase terceiro de ESO, segundo de Bacharelato, segundo de FP Media e segundo de FP Superior mentres que cuarto de ESO e todos os cursos de FP Básica irán a clase o venres 18.
Con este novo calendario, Galicia é a primeira comunidade en adaptar o seu protocolo ás actuacións consensuadas co Goberno do Estado.
O Protocolo de adaptación ao contexto da Covid 19 nos centros de ensino non universitario de Galicia para o curso 2020-2021 incorpora agora, na súa nova versión, a xa anunciada obrigatoriedade da máscara para o alumnado de Primaria e, como novidade, tamén establece que o alumnado deberá tamén levar unha segunda máscara de recambio nun estoxo. Ademais, fíxase que a máscara será obrigatoria para os maiores de 6 anos e recomendada para os nenos de Infantil, sempre que sexa posible.
Ademais, o protocolo recolle agora de maneira explícita a presencialidade, polo que a actividade lectiva será presencial en todos os niveis e etapas do sistema educativo, priorizándoa para o alumnado de menor idade, polo menos ata 4º de ESO.
No protocolo establécese tamén que as familias deberán medir a temperatura dos alumnos cada día na casa, antes de acudir ao centro escolar. Ademais, os centros educativos deberán informar de que o alumnado con sintomatoloxía non pode acudir ao centro; e confirmar que esta información foi recibida.
Para a organización do alumnado nas aulas, mantéñense os grupos de convivencia estable (sen necesidade de aplicar limitación de distancia) para o alumnado de Infantil e Primaria e en ESO, Bacharelato e Formación Profesional, establécese que os postos escolares manterán unha distancia de 1,5 metros entre si medidos desde o centro da cadeira.
No servizo de comedor escolar, os comensais deberán gardar unha distancia de 1,5 metros, sentados en oblicuo, e con postos fixos para cada un durante todo o curso escolar. Poderanse establecer quendas, utilizar espazos lindeiros ou instalar biombos ou separacións de cando menos de 60 centímetros de altura colocadas directamente sobre a mesa, para o cal non sería preciso manter a distancia mínima.
No caso do alumnado que utilice transporte escolar, co fin de garantir un mellor seguimento dos contactos, tamén se engade a asignación de asentos fixos para todo o curso escolar.
De acordo co establecido na Guía de actuación#ante a aparición de casos de Covid-19 en centros educativos e no Protocolo de actuación da consellería de Sanidade en materia de Saúde Pública en relación con illamentos e corentenas, a autoridade sanitaria irá definindo distintas medidas de illamento e corentena dependendo das características específicas e particulares de cada brote. En función do número de contaxios, poderá ordenar a corentena dun grupo determinado de contactos estreitos do centro escolar, o peche dunha ou varias aulas, dun nivel educativo ou do centro educativo na súa totalidade.
Relacionadas:
-
O alumnado de primaria de Pontevedra, "un gran exemplo para a xente maior" que merece a felicitación do alcalde
Por Redacción |
-
Barro entregará máscaras aos centros educativos do municipio
Por Redacción |
-
Colexios e institutos buscan novos espazos para cumprir coa distancia de seguridade entre estudantes
Por Manu Otero |
-
A educación infantil en formato burbulla ponse en marcha en Pontevedra
Por Manu Otero |
-
Limpeza e desinfección a fondo nos centros educativos de Campo Lameiro para recibir aos primeiros alumnos
Por Redacción |
-
347 negocios adhírense á campaña 'Volta ao Cole'
Por Redacción |
-
Tres días sen asistencia á aula, castigo para o alumnado que incumpra as medidas sanitarias
Por Redacción |
-
O curso escolar será presencial e os colexios permanecerán abertos aínda que haxa positivos
Por Natalia Puga |
-
Feijóo, ante o novo curso: "A aula será un lugar moito máis seguro que outros que os rapaces en Galicia frecuentan"
Por Natalia Puga |
-
Comezan os cribados preventivos de Covid-19 a profesorado e temporeiros da vendima
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz |
-
Feijóo propón que a máscara sexa obrigatoria nos colexios para profesores e escolares de máis de 6 anos
Por Natalia Puga |