'Lazos de agarimo' desde Tomeza para axudar na educación dos nenos máis desfavorecidos de Nicaragua
Por Natalia Puga
A exposición 'Bicos de Porcelana de Isaac' organizada pola pontevedresa Loli Beloso na súa casa materna da Valadiña (Tomeza) desde o pasado 22 de agosto en homenaxe de Isaac Diaz Pardo tivo este luns 31 un broche de ouro. A impulsora coroou a cita cultural, no día do seu peche, coa doazón de fondos para as obras do misioneiro pai Rodolfo en Nicaragua.
Loli Beloso comezou fai catro anos a tradición de organizar a gala anual 'Lazos de Agarimo' para recadar fondos para as iniciativas solidarias do pai Rodolfo, pero este 2020 a crise sanitaria do coronavirus truncou a que sería a súa cuarta edición.
O misioneiro non se puido desprazar a Galicia para recoller o recadado e tampouco houbo oportunidade de organizar unha pública para lograr máis fondos solidarios, pero as restricións da pandemia non impediron que se lograse o obxectivo final de facer chegar fondos alén do Atlántico. Este luns, como peche á exposición, Loli Beloso entregou ao pintor pontevedrés Tato Heredia un xustificante da doazón que enviou a Nicaragua.
Trátase de 720 euros recadados coa venda do libro Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda no corazón dos nosos nenos, escrito pola propia Loli Beloso e que adoita vender en exposicións, presentacións e todo tipo de actos públicos. Desta forma, o amor de Anisia Miranda e Neira Vilas polos nenos cruzará o charco e axudará á educación dos máis pequenos de Nicaragua.
Respecto diso, Beloso explicou que o diñeiro irá destinado ás escolas que promove o pai Rodolfo nunha zona moi desfavorecida de Nicaragua, de modo que axudará ao ámbito educativo e aos máis necesitados do país.
Este ano non se celebrou, por tanto, gala física, pero si se escenificou a doazón, aínda sen público, e o diñeiro foi enviado ata Nicaragua. O seu receptor, o pai Rodolfo, mostrouse moi agradecido.
Esta acción solidaria, dalgunha forma, uniu a Neira Vilas e Diaz Pardo para axudar á educación dos nenos e lograr realizar esta doazón a pesar da situación actual de alerta sanitaria tamén xerou gran satisfacción á súa impulsora. Loli Beloso, ademais, destaca que a homenaxe a Diaz Pardo polo centenario do seu nacemento que este luns pecha as súas portas resultou todo un éxito, con moito público que visitou a exposición de forma graduada e sen aglomeracións.
Relacionadas:
-
'Lazos de agarimo' que irán de Tomeza a Nicaragua e Filipinas
Por Redacción |
-
A pegada de Diaz Pardo resiste á covid-19 e segue a marcar o camiño da festa da investigación en Tomeza
Por Natalia Puga |
-
Homenaxe a Isaac Díaz Pardo en Tomeza polo centenario do seu nacemento
Por Natalia Puga |
-
Xoias solidarias para a loita contra o cancro
Por Redacción |