A Policía Local de Marín puxo esta fin de semana 14 denuncias por non levar a máscara
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Marín aumentou durante a fin de semana o control sobre o uso de máscaras en diferentes zonas onde é habitual a concentración de mozos, coma, por exemplo, o Paseo Alcalde Blanco ou o Parque Azul, co resultado de 14 denuncias por non levar en todo momento a máscara.
Dende o Concello de Marín apélase á veciñanza a seguir as recomendacións sanitarias e lémbrase que o uso de máscara é obrigatorio en todo momento en espazos públicos e que é motivo de sanción o non levala posta en todo momento, ou mesmo o seu uso de maneira incorrecta.
Despois destes controis durante a última fin de semana, a Policía Local informou que nos vindeiros días realizarán, noutros espazos de concentración xuvenil, novas actuacións con respecto ao uso de máscaras por parte da poboación.
INTENSIFÍCANSE AS LABORES DE CHORREO DAS RÚAS
Por outra banda, as labores de chorreo do casco urbano de Marín, comezadas hai tres semanas, continúan realizándose nas rúas do municipio, intensificando así esta labor nun momento no que a hixienización é primordial.
Máis alá das labores de chorreo, o Concello lembra que para manter as nosas rúas limpas é preciso a colaboración tanto da veciñanza de Marín coma dos locais de hostalaría e comercios da vila.
Ademais, lembran aos propietarios de cans que teñen que recoller os excrementos dos animais e limpar os ouriñes. As multas por non recoller as deposicións dos animais poden ascender ata 750 euros.