En corentena un buque no porto de Marín por dar un tripulante positivo en Vigo
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Un buque de contedores permanece paralizado e en corentena no porto de Marín con 11 tripulantes illados a bordo ao activarse o protocolo anti Covid-19 polo positivo dun membro da tripulación.
O resultado positivo por coronavirus xa se detectou cando o barco parou no seu porto anterior, en Vigo, porque o mariñeiro sentiu síntomas, foi ao hospital e acabou dando positivo, pero o porta contedores seguiu con rumbo ao seu seguinte destino e, á súa chegada a Marín, o departamento de Sanidade Exterior decidiu activar o protocolo.
O buque, Visitor, con bandeira Portugal, atracou en Marín este domingo e nese momento activouse o protocolo. De momento, non hai constancia de que ningún outro membro da tripulación presente síntomas ou dese positivo, pero, por prevención, o protocolo segue activado.
Todos os membros da tripulación están considerados contactos estreitos, de modo que se lle realizará probas PCR a todos e ordenouse a corentena preventiva a todos eles, de modo que non poden baixar do barco a terra nin seguir o seu roteiro vía marítima.
O barco seguirá en corentena durante 14 días e, segundo confirman fontes do servizo de Epidemioloxía da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, a empresa armadora fará probas PCR aos 11 tripulantes que están en illamento a bordo en Marin.
Fuentes da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra confirmaron que o buque está paralizado nas instalacións portuarias e tamén que non teñen confirmación de que se detectara ningún resultado positivo en Marín. Cabe sinalar que a tripulación non chegou a baixar do buque nin ter contacto con ningún traballador do porto.
O buque partiu de Alxeciras o día 26 de agosto e parou en Vigo o sábado 29. Nese momento, o tripulante que sentía enfermo xa abandonou o buque e foi trasladado ao hospital.
Este domingo o buque seguiu o seu roteiro e chegou a Marín o domingo cargado de contedores. Descargounos este luns con todas as precaucións, o día en que xa estaba prevista a descarga.