O Concello contrata por 10.000 euros o proxecto de conservación e protección dos catro cedros do Himalaia
Por Redacción
A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe Iván Puentes, vén de contratar ao enxeñeiro técnico forestal Eduardo Penedo Padín cun orzamento de 9.629'18 euros, para realizar os traballos de acondicionamento, conservación e protección dos catro cedros do Himalaia senlleiros que albergan os Xardíns de Vincenti.
O proxecto, que incluirá podas, substitución dos sistemas de suxeición dos exemplares e colocación de carteis informativos, conta cunha subvención autonómica de 4.000 euros por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta, ao estar incluídos os exemplares no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras elaborado pola Consellería de Medio Ambiente para o ano 2020.
Os catro cedros do Himalaia catalogados sobre os que se vai comezar a intervir a vindeira semana (entre xoves e venres) resultaron moi afectados polos temporais de vento e choiva rexistrados en 2010 e 2017, que danaron as árbores nas súas copas, en especial no que se refire aos dous exemplares próximos á unión entre a rúa Arquitecto de la Sota e o Paseo de Cervantes.
Por este motivo e pola da necesidade de garantir a conservación destas árbores de gran porte e o seu bo estado fisiolóxico, levarase a cabo unha limpeza de ramas mortas e unha poda dunha intensidade moderada, tendo en conta as características non retoñais da especie, tentando conservar a vitalidade dos cedros e garantindo a seguridade no seu contorno. Os restos da poda serán triturados progresivamente e retirados para o seu emprego como ‘acolchado’ noutras zonas verdes ou como estruturante para a compostaxe.
O concelleiro Iván Puentes lembra que, con carácter previo á execución destes traballos e á substitución dos sistemas de suxeición existentes por novos sistemas de ancoraxe máis axeitados, "desenvolveuse unha inspección técnica especializada que permitiu facer unha estimación detallada das pólas mortas ou deterioradas que deben ser eliminadas, analizar posibles patoloxías e perigos e poñer de manifesto os vicios e debilidades ocultos na estrutura das árbores".
Ademais da poda e a revisión das ancoraxes, o proxecto de conservación contempla unha limpeza en seco e a instalación de paneis informativos: unha sinalización individual para cada exemplar e unha destinada ao conxunto da formación (coas súas características e dimensións).
Por último, segundo se constata na memoria do proxecto (remitida á Xunta para acceder ás subvencións do Catálogo de Árbores Senlleiras), as tres árbores situadas ao sur do Parque das Palmeiras xa viñan aseguradas mediante sistemas axeitados de ancoraxe, con cordas de polipropileno trenzado con amortecedores (absorbente de choque), insercións, mangas antifrición e remates finais, mentres que a máis próxima ao estanque dos patos dispón dunha fixación con cabos de aceiro.
A intervención plantexa a substitución e corrección dos sistemas de suxeición, de xeito que se eliminen aqueles puntos onde poida existir unha excesiva tensión sobre as ramas de ancoraxe, así como abrasións. Asemade, substituiranse aqueles cabos deteriorados ou excesivamente tensos. Tal e como apunta Iván Puentes, "os Xardíns de Vincenti e o Parque das Palmeiras atópanse entre os espazos verdes de Pontevedra cun maior valor histórico", polo que "tanto os seus cedros do Himalaia como o conxunto deste contorno supoñen un ámbito prioritario de conservación para a Concellería de Desenvolvemento Sostible".
Relacionadas:
-
Arranca o 'plan de choque' para mellorar o estado dos catro cedros do Himalaia da Alameda
Por Redacción |
-
Os socialistas critican á Xunta por abrir os parques infantís sen contar cos concellos
Por Oskar Viéitez |
-
Trazan un plan para protexer os catro cedros do Himalaia que hai nas Palmeiras
Por Redacción |
-
O Concello deseña un plan para a posta en valor dos cedros do Himalaia dos Xardíns de Vincenti
Por Redacción |