Cortes de tráfico a partir do luns 31 para completar o primeiro tramo da reforma de Loureiro Crespo
Por Redacción
A partir deste luns 31 de agosto comezarán os traballos para repoñer e conectar os servizos soterrados na marxe esquerda de Loureiro Crespo, en dirección saída da cidade, no tramo que chega ata a rúa Doce de Novembro. Segundo informa o Concello de Pontevedra, na marxe dereita xa finalizaron os traballos.
Estas obras de reforma comezaran no lado dereito deste tramo coa demolición do pavimento e a instalación dos novos servizos, o que obrigara tamén ao traslado da parada de taxis para Cobián Areal. Na actualidade, na marxe dereita atópase instalado o novo pavimento na beirarrúa que conta cun novo longo e zonas novas de aparcamento.
CORTES DE TRÁFICO
O inicio destes traballos provoca que, entre este luns 31 e o mércores 2 de setembro, se corte o tráfico no tramo de Loureiro Crespo que enlaza Casimiro Gómez e Doce de Novembro, ademais os cortes tamén afectan á rúa Travesía de Eiriña.
En Travesía de Eiriña permitirase a entrada e a saída a garaxes desde a rúa Joaquín Costa. Estes cortes de circulación de tráfico van ampliarse en caso de que a empresa que exectua as obras o considere necesario.
As obras de reforma de Loureiro Crespo e do barrio do Castañal comezaron a finais de abril. Trátase dunha obra que conta cun orzamento de 3 millóns de euros cun prazo de execución de 11 meses.
A intención do goberno local é ampliar o formato de "modelo de cidade" a esta zona afectando tanto a Loureiro Crespo como ás rúas Ernesto Caballero, Forcarei, Amor Ruibal, Mestre Soutullo, Ramón Cabanillas e a praza das Regas. A obra supón a renovación da pavimentación e a ampliación de beirarrúas, ademais da mellora de todos os servizos, nova iluminación e mobiliario urbano, coa plantación de novas árbores en varios tramos.
Relacionadas:
-
"Eu son Loureiro" é a campaña para dinamizar o comercio de Loureiro Crespo durante a humanización da vía
Por Manu Otero |
-
Loureiro Crespo, entre o Provincial e a pasarela, estará rematada en dous meses
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pechan Joaquín Costa cinco días para reparar os accesos ao Álvarez Limeses
Por Redacción |
-
Este luns péchase a circulación de entrada á cidade entre as rúas Forcarei e Amor Ruibal polas obras en Loureiro Crespo
Por Redacción |
-
Restricións por obras nas rúas Rafael Dieste e Filgueira Valverde a partir do luns
Por Redacción |
-
Gran parte de Loureiro Crespo será xa só de entrada á cidade desde o xoves
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |