Fontenla entra na campaña do PP de Poio como "zona abandonada"
Por Redacción
O camiño de Outeiro, en Fontenla, conta xa cun dos carteis de denuncia que o grupo municipal do PP está a colocar en determinados puntos do municipio para visibilizar o que consideran son 'zonas abandonadas' polo Concello.
Neste caso, o vial é unha zona de tránsito dos alumnos do IES de Poio que os populares levaron ao último pleno para que se acondicionase e fose "un camiño escolar digno e seguro”; pero que BNG e PSOE votaron en contra. “Co inicio do curso escolar dentro de dúas semanas, o Concello de Poio condena aos estudantes para ir un ano máis por un camiño totalmente inadecuado, máis intransitable aínda cando chegan as choivas".
A pesar de que a moción non saíu adiante na sesión plenaria de agosto, o grupo municipal do PP avanza que seguirán esixindo ao goberno local do Poio que "atenda as necesidades dos alumnos do Instituto e dos veciños de Fontenla".