O Albergue de Peregrinos estrea as instalacións que o converten no local de máis capacidade do Camiño Portugués
Por Redacción
As instalacións do Albergue de Peregrinos de Pontevedra estreaban este venres unhas novas dependencias rehabilitando un edificio que se atopa situado dentro do recinto situado na Rúa Otero Pedrayo. Ao acto asistía Román Rodríguez, conselleiro de Cultura en funcións e o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, ademais do presidente da asociación Amigos do Camiño Portugués a Santiago, Tino Lores.
A ampliación permitirá que o albergue Virxe Peregrina pase de 72 a 92 prazas, un incremento dun 27% de prazas, converténdose na de máis capacidade dentro do Camiño Portugués, que conta con dez aloxamentos públicos. Chamarase 'Camelias' e a súa decoración céntrase nesta planta de procedencia oriental.
O conselleiro destacaba que esta actuación financiada pola Xunta de Galicia dá resposta ás necesidades da asociación Amigos do Camiño Portugués, entidade que rexenta desde fai vinte anos este establecemento e que neste difícil 2020, desde o 1 de xullo, contabiliza 800 pernoitas.
Román Rodríguez agradeceu a toda a xente que traballa por un Camiño seguro durante este verán. " Non é doado, pero estamos a conseguilo", afirmou o responsable autonómico de Cultura asegurando que se está facendo un importante esforzo para garantir unha peregrinación segura. Sinalou que se detecta unha progresiva reactivación do Camiño, de forma que en xullo e agosto houbo un incremento do 70%, pasando de 9.752 a 16.572 peregrinos que visitaron Galicia. Destacaba tamén a nova plataforma online que permite a reserva de praza nos albergues para dar máis garantías aos visitantes. Seis de cada dez peregrinos utilizan esta ferramenta.
Rodríguez manifestou que antes de final de ano presentarase a reprogramación de actividades do Xacobeo 21, que virá marcada pola situación sanitaria actual. "Non podemos caer na melancolía", apuntou o conselleiro en funcións afirmando que Galicia está a dar un exemplo en canto á convivencia cunha situación difícil.
En canto ao turismo, lembrou que Galicia situouse en xullo 22 puntos por enriba da media española de ocupación hostaleira e agradeceu o esforzo que o sector hostaleiro está a realizar para ofrecer a imaxe da comunidade como un destino seguro. Recoñeceu, en todo caso, que onde se está detectando un maior problema de ocupación é nos hoteis urbanos.
Miguel Anxo Fernández Lores, pola súa banda, mostraba a súa satisfacción pola ampliación do Albergue e destacou que este establecemento sexa "referencia" do Camiño Portugués do mesmo xeito que a cidade. Lembrou que cada vez hai unha maior aposta por empresarios privados para crear albergues privados no municipio. Engadiu que en 2019 chegouse aos 100.000 peregrinos que pernoitaron entre dous e tres días na cidade, unha cifra que este ano se verá reducida a ao redor de 15.000 visitantes debido á situación sanitaria que provocou unha importante ausencia do turismo internacional.
Relacionadas:
-
Amplían as beirarrúas e instalan redutores de velocidade en Otero Pedrayo
Por Redacción |
-
Albergues abertos pero sen peregrinos
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O conselleiro de Cultura recibirá a insignia de ouro dos Amigos do Camiño Portugués
Por Redacción |
-
Pontevedra acolleu o encontro internacional de hospitaleiros
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Rueda aborda a replanificación do Xacobeo cos colectivos de Amigos do Camiño de Santiago
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Galicia e o Camiño de Santiago posiciónanse como destinos seguros
Por Redacción |
-
O albergue de peregrinos prepárase para a reapertura coa entrada en xullo
Por Redacción |
-
O incremento de peregrinos fai crecer a oferta hostaleira de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
O conselleiro de Cultura decide ampliar en 18 camas o albergue de peregrinos
Por Anxo Lourido |