A área sanitaria mantén a tendencia á alza dos positivos por coronavirus, 17 na última xornada
Por Natalia Puga
O crecemento sostido do número de casos activos de coronavirus mantense este venres na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Rexistráronse 17 positivos na última xornada e nove pacientes curáronse, de modo que o Servizo Galego de Saúde contabiliza 187 casos activos, oito máis que o xoves.
Segundo o balance oficial facilitado, mantense sen cambios o número de pacientes hospitalizados. En concreto, hai tres, un ingresado en planta de hospitalización e 2 na unidade de Coidados Críticos do Hospital Montecelo. Seguen sen pacientes con coronavirus o Hospital do Salnés e o hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.
Os outros 184 casos activos permanecen en illamento no seu domicilio.
Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 971 pacientes, nove na última xornada, e faleceron por este virus na área sanitaria 17 pacientes.
En canto a realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas realizáronse 395, que se engaden ás 26.729 xa efectuadas desde o inicio da pandemia na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés.
A nivel autonómico, este venres tamén se confirma esa tendencia á alza. A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 3.139, 200 máis que o xoves.
Deles, 1.351 son da área da Coruña, 547 da de Lugo, 292 da de Ourense, 187 da de Pontevedra, 189 da área de Vigo, 450 da de Santiago, e 123 da de Ferrol. En total hai 144 casos vinculados a centros residenciais, 100 usuarios e 44 traballadores.
Do total de pacientes positivos, 12 están en UCI, 100 en unidades de hospitalización e 3.027 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 12.292 persoas curadas, rexistrándose 635 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 322.198.
Relacionadas:
-
205 casos positivos en Covid19 na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés e dúas persoas falecidas en Galicia nas últimas horas
Por Redacción |
-
O curso escolar será presencial e os colexios permanecerán abertos aínda que haxa positivos
Por Natalia Puga |
-
A cifra de afectados de coronavirus segue crecendo: 16 novos contaxios e 179 casos activos na área sanitaria
Por Diego Espiño |