Bará reclama un protocolo claro e consensuado para o inicio do curso escolar
Por Redacción
Luís Bará, deputado do BNG no Parlamento de Galicia, explicaba este xoves as liñas mestras que ten previsto levar a cabo no curso político que se inicia e que estará marcado pola presenza da pandemia da Covid-19.
O representante nacionalista afirmou que o BNG ofrecerá unha oposición "firme, contundente e esixente" tanto en sede parlamentaria como na rúa para facer fronte ás políticas da dereita. Tamén apuntou á posta en marcha de propostas baseadas no diálogo con colectivos sociais, que o deputado iniciará a partir da primeira semana de setembro.
Bará quixo referirse ao comezo do curso escolar e esixiu un protocolo claro e consensuado para a volta ás aulas. Criticou a falta de planificación e de previsión por parte da Xunta de Galicia e lamentou a falta de medios para afrontar as necesidades que se presentan. Por este motivo, considera preocupante que desde o goberno galego trasládese as responsabilidades a outras administracións, principalmente aos Concellos, e tamén aos equipos directivos dos centros e ás ANPAS.
Reclama financiamento, máis medios, máis profesorado, máis recursos para a hixiene e limpeza e que se garantan os servizos complementarios de transporte e comedores escolares. Ademais pide medidas de conciliación para o suposto de que sexa necesario desenvolver un ensino non presencial.
OBXECTIVOS PARA PONTEVEDRA
Noutras materias, o ex concelleiro por Pontevedra sinalou que solicitarán o reforzo da atención primaria fronte a casos como o dos consultorios de Ponte Sampaio e Soutomaior; a construción de centros de saúde en Poio e en Caldas e que se poña en marcha o proxecto do novo Montecelo.
Tamén en materia de saneamento e rexeneración do río Lérez e da ría, o BNG insistirá na mellora da Estación depuradora dos Praceres, a construción doutras depuradoras para o fondo da ría e a dragaxe. Tamén se reclamarán medidas para o río Umia.
En relación coa rede viaria, os deputados nacionalistas solicitarán á Xunta a creación do novo vial do Vao e a variante de Alba, ademais da elaboración dun novo mapa de emerxencias e unha axenda urbana autonómica que adopte como referencia o traballo que se desenvolve tanto no Concello de Pontevedra como na Deputación Provincial.
Relacionadas:
-
O BNG presenta en Pontevedra o seu proxecto de lexislatura baseado na defensa da sanidade e o ensino público
Por Redacción |
-
O Concello asumirá os labores de desinfección dos centros educativos de Poio
Por Redacción |
-
O curso escolar comezará con folgas ante o "coste cero" das medidas da Xunta contra a COVID-19
Por Redacción |
-
Poboación de Ponte Sampaio, A Canicouva e Soutomaior reclama un servizo sanitario digno
Por Redacción |
-
O BNG de Marín propón que o Concello ceda locais municipais para o seu uso como aulas durante o próximo curso
Por Redacción |
-
Bará ve no resultado do BNG a constatación dun "cambio de ciclo político" e en Ana Pontón "a líder do futuro deste país"
Por Natalia Puga |
-
Luís Bará e Fernández Lores celebran coa militancia "o mellor resultado da historia do BNG"
Por Anxo Lourido & Cristina Saiz |