A nova figura do verán de Sanxenxo: "Somos informadores, non somos policías de praia"
Por Natalia Puga
"Somos informadores, non somos policías de praia". A aclaración tiveron que facela durante todo este verán con moita frecuencia as 35 persoas contratadas polo Concello de Sanxenxo para realizar tarefas de vixilancia e control do cumprimento da normativa sanitaria nas praias do municipio e este xoves repetiuna Ivan Vicente Sinal, un destes informadores, ante os medios de comunicación. Compareceu ante a prensa para explicar o seu traballo estes meses nos areais da vila turística como parte dunha visita institucional do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para coñecer as medidas anti Covid-19 aplicadas durante o verán da pandemia.
Rueda coñeceu a Iván Vicente e outros compañeiros informadores e, a través do alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, tivo información de primeira man das medidas postas en marcha na praia de Silgar e que, en parte, foron financiadas pola Xunta de Galicia con cargo a un plan específico para apoiar os concellos costeiros para implantar medidas de prevención para lograr praias seguras durante o verán.
Dentro deste plan, a Xunta habilitou 1,1 millóns de euros e asinou convenios con 42 concellos con menos de 40.000 habitantes. En Sanxenxo, a axuda foi de 50.000 euros e Telmo Martín destaca que "sería inviable" ter posto en marcha todas as medidas preventivas sen esta achega. En concreto, destinouse á contratación destes 35 informadores para vixiar os aforos, accesos e cumprimentos de normas como o uso de máscara, así como para material e tarefas de limpeza e sinalización.
Iván Vicente explicou o seu traballo, que consiste en "controlar todas as medidas que existen e garantir que a xente as cumpra", e tamén fixo esa aclaración de que a súa labor non é policial, "simplemente informamos á xente do que ten que facer no areal e para entrar e saír". Este ano había normas de distancia social e uso de máscaras e circuítos de entrada e saída e, no caso de Silgar, tamén a instalación de parcelas para garantir esa separación de seguridade, de maneira que a súa figura foi moi necesaria.
Segundo asegurou, polo xeral, "a xente respondeu bastante ben", pero si tiveron diversos casos de persoas que non respectaban as normas. Foi, sobre todo, ao principio da entrada en vigor da norma do uso obrigado de máscaras e de distanciamento de seguridade e a xente amosábase contraria ao seu cumprimento, de maneira que tiveron que dar aviso ás autoridades.
Telmo Martín deu ás grazas a todos estes informadores e, en xeral, a todo o persoal que traballou nas praias, como socorristas e traballadores de limpeza, e amosou a súa satisfacción polo bo resultado desta nova figura dos informadores, aos que "ao principio non sabiamos nin como chamarlles". Están nas 18 praias con bandeira azul do municipio.
Ademais, agradeceu a achega da Xunta e criticou que "doutras administracións non podemos dicir o mesmo", pois, fronte ao apoio do Goberno galego, o estatal non lles deu ningún recurso e "aínda todo o contrario". "Creo que temos que ter os concellos apoios desde a administración central", demandou.
Tanto Rueda como Martín lembraron que nos meses de abril e maio "estabamos todos moi preocupados polo que podería vir, dicíase naquel momento que non se ían poder abrir as praias, non ía vir turismo, non ían abrir os hoteis nin nada".
A pesar destes meses previos de incertezas, finalmente Sanxenxo no mes de xullo foi líder no norte de España en pernoctacións e pode presumir dun "dato moi importante", que o consumo de auga en xullo foi 1 millón de litros máis que no mesmo mes de 2019 o que "significa que moitas persoas estiveron pasando aquí días de descanso".
Ademais, Telmo Martín lembrou que houbo casos illados, pero, en xeral "non temos casos para estar moi preocupados neste momento". A súa preocupación si está na necesaria responsabilidade da poboación e o alcalde aproveitou para pedir aos cidadáns "que sigan respectando as normas".
Alfonso Rueda agradeceu o esforzo dos concellos para que este verán "fose posible desfrutar das praias con seguridade", cumprindo as normas e con medidas tomadas con antelación”.
Relacionadas:
-
Adeus de Ana Vázquez á Policía Local de Sanxenxo tras tres décadas de servizo
Por Redacción |
-
O sector turístico celebra o "músculo" de Sanxenxo, que pecha agosto cun 65,5% de ocupación
Por Redacción |
-
Os socorristas de Sanxenxo realizaron catorce rescates durante o mes de xullo
Por Redacción |
-
Silgar acolle un plan piloto de aluguer de cadeiras e antucas e recibe as críticas da oposición do goberno local
Por Redacción |
-
Os bañistas de Silgar 'escapan' das áreas parceladas
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
As praias de Sanxenxo estarán vixiadas por 132 persoas este verán
Por Redacción |