O alcalde de Caldas arremete contra a Xunta tras a sentenza que obriga a Valga a readmitir o persoal do GES
Por Redacción
Unha sentenza do Xulgado do Social número 3 de Pontevedra ditaba sentenza esta semana declarando a nulidade dos despedimentos dos traballadores do Grupo de Emerxencias Supramunicipais (GES) e obrigando ao Concello de Valga a readmitir este persoal nas mesmas condicións que tiñan antes de producirse o despedimento.
Esta sentenza foi avaliada por Juan Manuel Rey, alcalde de Caldas de Reis, municipio que fora escollido inicialmente pola Xunta de Galicia para recolocar a base do GES. Pero o goberno local rexeitou naquel momento este ofrecemento ao presentarse dúbidas sobre ese traslado. Entre outras cuestións, o equipo de Juan Manuel Rey reclamaba que fose a Mancomunidade do Ulla-Umia a que fixese fronte ao custo que supoñería a incorporación deste corpo.
O alcalde de Caldas de Reis sinala agora que o goberno municipal tiña razón ao afirmar que acoller o GES de Valga en Caldas nas condicións que formulaba a Xunta era "un agasallo envelenado" como sinalaban os informes técnicos. Rey indica que o Concello esixiu que se retirase a palabra recolocación e falásese dunha reestruturación para evitar consecuencias económicas e laborais que prexudicasen ao seu municipio. "Parece que a Xunta e o PP de Caldas o único que pretendían era resolverlle o problema ao seu concello amigo de Valga á conta de todos os caldenses", apunta o alcalde.
Rey tamén lle lembra a Luisa Piñeiro, alcaldesa de Moraña, que acusou o goberno local de Caldas de utilizar "escusas peregrinas e electoralistas" que esas razóns convenceron ao xuíz á hora de ditar sentenza.
Ademais, Rey sinala que este fallo pon en evidencia a "absoluta falta de coherencia" e o "extremo partidismo" do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, cando acusaba ao Concello de Caldas de perder moito tempo cando levaban poucas semanas no proceso mentres que á alcaldesa de Moraña non lle fixo un só reproche cando se mostrou disposta a aceptar o GES no seu Concello malia a inacción durante os últimos meses.
Relacionadas:
-
A Deputación agarda pola documentación que avalíe a proposta da Xunta sobre os novos GES
Por Oskar Viéitez |
-
Os alcaldes do PP piden á Deputación que apoie a creación dos GES en Moraña e A Lama
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Preocupación e malestar nos colexios públicos e Anpas de Caldas ante o inicio do curso escolar
Por Redacción |
-
Moraña acepta a proposta da Xunta e será a nova sede do GES para a comarca do Ulla-Umia
Por Redacción |
-
"Sorpresa maiúscula" na Deputación pola decisión da Xunta de situar o GES en Moraña
Por Oskar Viéitez |
-
Moraña ofrécese a acoller o GES do Ulla-Umia despois da renuncia de Caldas
Por Redacción |
-
Caldas só adoptará o GES de Valga se o financian os concellos da Mancomunidade do Ulla-Umia
Por Redacción |