Socorristas de Sanxenxo convocan unha concentración ante os "atropelos" do goberno de Telmo Martín
Por Redacción
Socorristas, acomodadores de praia e sanitarios, que traballan para a empresa pública Turismo de Sanxenxo, concentraranse este sábado 29 de agosto fronte á Casa do Concello, en horario de 10.00 a 11.00 horas como mostra da súa indiginación diante dos "atropelos" que realiza o goberno local.
O sindicato CC.OO., que ten a representación deste persoal, afirma que o Concello que lidera o alcalde Telmo Martín ten previsto descontar os días que estes efectivos non puideron traballar debido ás inclemencias do tempo. Para o goberno local estes días afectados polo mal tempo sería considerados días de vacacións.
Desde o sindicato afirman que o persoal ten dereito a dous días e medio de vacacións por cada mes traballado e ao tratarse dun número de traballadores reducido, a decisión habitual é que se retribúan economicamente eses días de vacacións.
Afirman que esta propuetsa da administración local é "un disparate e un abuso" ao considerar días de vacacións, con carácter retroactivo, unhas xornadas nas que os efectivos non puideron realizar o traballo nos areais pero si estiveron ao dispor do Concello.
Pero o malestar vai máis aló, porque este colectivo entende que o Concello quere que en setembro este persoal non cobre o complemento económico que perciben polo seu posto, unha cláusula contractual que, segundo CC.OO., non pode ser suprimida unilateralmente por Turismo de Sanxenxo.
Tampouco se lles recoñecen as horas extraordinarias que realizan habitualmente. Sinalan que o goberno local négase a compensar o tempo que leva aos socorristas estar no posto de traballo á hora estipulada e o de regreso á posto base, que supoñen un exceso de xornada.
A concentración que se desenvolverá este 29 de agosto terá continuidade todos os luns, mércores, venres e sábados ante as portas do Concello de Sanxenxo ata que o goberno local rectifique estas decisións previstas.
Relacionadas:
-
Os socorristas de Sanxenxo suspenden as mobilizacións tras veren cumpridas a maioría das súas esixencias
Por Redacción |
-
O goberno de Sanxenxo aclara que vai pagar os socorristas todo o salario aínda que non traballaran polo mal tempo
Por Redacción |
-
Os socorristas de Sanxenxo realizaron catorce rescates durante o mes de xullo
Por Redacción |
-
Sanxenxo incrementa o equipo dos seus socorristas para o verán post Covid-19
Por Redacción |