Barro aproba liquidar a súa débeda municipal
Por Redacción
O pleno da corporación de Barro celebrado este mércores aprobou, cos votos favorables de BNG e PSOE e a oposición do PP, a liquidación da débeda municipal.
Trátase dunha medida que, segundo o goberno local, ten como obxectivo liberar recursos económicos no orzamento do próximo ano para facer fronte ás necesidades derivadas da pandemia, que esperan se sigan a notar a nivel local en 2021.
A amortización da débeda, que de seguir os prazos marcados se terminaría de pagar en 2022, supón cada ano un esforzo importante para as arcas municipais, duns 180.000 euros que agora poderán ser destinados a outras cuestións.
A liquidación afrontarase con cargo a unha parte do remanente de tesourería en base ao Real Decreto aprobado recentemente polo Goberno.
A idea, reiterou o alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes, é "buscar, dentro da estabilidade económica que ten o Concello de Barro, recursos que poidan servir para atender as necesidades que poidan xurdir desta crise sanitaria e económica".