Manifestación do persoal de Celso Míguez para reclamar os salarios atrasados
Por Cristina Saiz & Redacción
Tres, catro e ata cinco meses sen cobrar levan algúns dos traballadores que forman parte do persoal da empresa Celso Míguez. Este mércores preto de 90 traballadores manifestábanse, de novo, polas rúas de Pontevedra reclamando á dirección da entidade os salarios atrasados.
A protesta, convocada polos sindicatos CIG e CC. OO., realizábase na contorna da sede social situada na rúa Almirante Matos. Os traballadores levan desde mediados de 2019 con problemas na cobranza, unha situación que está a afectar aos diferentes establecementos que Celso Míguez ten en diversos puntos de Galicia.
Desde os sindicatos reclaman un plan de viabilidade que garanta o futuro desta empresa de venda de pintura e de material de bricolaxe. Ademais denuncian que se producen situacións de discriminación porque a dirección non efectúa os pagos de maneira igualitaria con todo o persoal e a contía de meses con débedas salariais é diferente segundo quen sexa o traballador.
O secretario comarcal de CIG Marcos Conde e o secretario de organización de Comisións Obreiras José Luis García Pedrosa sumábanse á protesta. "Non se pode entender que a empresa funcione se os traballadores non cobran", afirmaba o dirixente de CC. OO., que mantivo un enfrontamento verbal cunha persoa que gravaba a protesta. Un axente da Policía Nacional interveu na disputa dialéctica sen que se produciran maiores consecuencias.
Relacionadas:
-
O concurso de acredores da empresa Celso Míguez provoca 25 despedimentos
Por Redacción |
-
Peche en Celso Míguez do comité de empresa para forzar o diálogo coa dirección
Por Redacción |
-
Os traballadores de Celso Míguez esixen o pago dos salarios e un plan de viabilidade
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |