Remate das obras da nova rotonda de San Vicente do Grove
Por Redacción
Co fin de regular o tráfico e axudar a reducir a velocidade nun treito de estrada que soporta unha forte densidade de tráfico durante o verán, remataban as obras na nova rotonda de San Vicente do Grove.
A estrada provincial entre O Grove e San Vicente conta deste xeito cunha ampla glorieta na intersección cos viais municipais de acceso a Lampáns e Vizocas, poñendo fin aos históricos problemas de inseguridade tanto para os vehículos, que alcanzaban importantes velocidades nun cruce complicado, como para os peóns, que tiñan moi difícil transitar pola zona. A obra contou cun orzamento de 210.586,88 euros, financiados integramente pola Deputación de Pontevedra.
A rotonda sitúase no punto quilométrico 5+150 da Estrada Provincial EP-9101. Cun diámetro exterior de 32 metros, inclúe sendas peonís laterais de 2,5 metros de ancho e comunicadas mediante pasos de peóns elevados para solucionar a mobilidade a pé. Dispón, ademais, dun novo sistema de iluminación cun báculo central de 9 metros de altura e catro proxectores con tecnoloxía LED. Esta actuación, así mesmo, serve para resolver problemas nas tubaxes de saneamento e auga, que quedaron adaptadas ás novas rasantes, deixando as infraestruturas adaptadas a posibles ampliacións no futuro.
Este mércores, os deputados provinciais Gregorio Agís e Noemí Outeda, acompañados polo alcalde do Grove, José Cacabelos, visitaban a rotonda e procedían á súa inauguración.
Gregorio Agís cualificou a mellora como "unha obra fundamental para O Grove" e destacou que permite actuar nunha recta que invitaba á velocidade, un tramo que agora súmase ao modelo de estradas seguras da Deputación de Pontevedra. O deputado explicou que a Deputación ten 1.700 Km na rede provincial (máis que a suma da kilometraxe das estradas estatais e autonómicas) e está afrontando un forte investimento para corrixir "moitos anos de abandono" e actuar tanto en tramos urbanos como en aqueles que dan servizo a núcleos rurais, co obxectivo de tratar con igualdade ao territorio e contribuír a asentar poboación.
Pola súa banda, o alcalde de O Grove, José Cacabelos, destacou que esta obra é un novo exemplo de colaboración entre Administracións. "Levabamos moitos anos reclamando esta rotonda, polo que é de agradecer a sensibilidade desta Deputación, que escoita".
O rexedor lembrou que a estrada provincial ten unha lonxitude de 8 Km e une as igrexas do Grove e San Vicente e xa durante o anterior mandato acometeuse outra mellora importante para humanizar o treito entre o cruce de San Vicente e a igrexa. Cacabelos aproveitou a ocasión para anunciar que xa está a falar coa institución provincial para que se acometa un novo tramo entre Campos e Reboredo co obxectivo de dotalo dun carril peonil e para bicicletas.
Relacionadas:
-
Unha senda peonil de quilómetro e medio mellorará a mobilidade entre O Grove e San Vicente
Por Redacción |
-
Reparan o sendeiro ao carón do vello sanatorio da Lanzada
Por Redacción |
-
O Grove recupera o antigo Camiño da Granxa
Por Redacción |
-
O Grove reforza a sinalización para evitar a circulación de vehículos en zonas peonís
Por Redacción |