Crean 'Cerco', un proxecto cultural e social para Cerdedo-Cotobade promovido polo BNG
Por Redacción & Cristina Saiz
O foro cultural 'Cerco' para Cerdedo-Cotobade comezará a programar actividades a partir deste mes de setembro por iniciativa do BNG deste municipio coa intención de converter este espazo nunha ferramenta útil para a veciñanza con accións mensuais tanto na zona de Cerdedo como na de Cotobade.
Un grupo de persoas que traballan en diferentes campos e con distintas inquedanzas tentarán levar a cabo diferentes actividades para conectar as parroquias do rural con propostas sociais e culturais, segundo explicaban Ernesto Filgueira, portavoz municipal do BNG e Víctor Rivas, que convidaron este mércores na presentación de Cerco a todas as persoas interesadas en participar nestes eventos.
A programación iniciarase o 11 de setembro en Carballedo cunha charla sobre Fiare Banca Ética coa participación de Manuel Adame, vicecoordinador do GIT Galiza Sur. O 9 de outubro, Cerdedo acollerá unha actividade con Victoriano Castro, afeccionado á micoloxía, que explicará a diferenza entre os cogomelos comestibles e as velenosas.
O 13 de novembro será a quenda en Carballedo de Joám J. Romero-Porto Durán, economista do BNG, que falará sobre o sistema de financiamento autonómico. O 11 de decembro analizarase en Cerdedo a realidade e futuro da música e do baile tradicional no municipio coa intervención de representantes das agrupacións Abrentes de Cerdedo, Afoutes do Cañon de Pau, Foula, Pandereteiras do Val de Quireza, Trazantes de Tenorio e a Asociación de Gateiros Galegos.
Relacionadas:
-
O novo centro de saúde de Carballedo encabeza as emendas do BNG aos orzamentos da Xunta
Por Redacción |
-
O BNG reclama un mellor servizo de electricidade e internet para Cerdedo
Por Redacción |
-
O Concello de Cerdedo-Cotobade fala de "adecuado servizo de recollida de lixo" ante as críticas
Por Redacción |