40 premios rasca por valor de 75 euros para investir no pequeno comercio local na 'Volta ao cole'
Por Cristina Saiz & Redacción
Incentivar o consumo nos establecementos locais, con esta intención a concelleira de Promoción Económica Yoya Blanco presentaba este mércores a campaña 'Volta ao Cole' destinada a mellorar a competitividade dos negocios pequenos promocionándoos.
Nesta nova edición que durará desde o 1 ata o 19 de setembro, os clientes obterán bonos de agasallo para realizar as compras do inicio de curso. A plataforma #PonteLovers repartirá 40 bonos por valor de 75 euros cada un entre a clientela que adquira produtos relacionados co regreso ás aulas nos comercios locais adheridos a esta campaña. Nesta promoción inclúense libros, material escolar ou roupa para os escolares.
Nesta ocasión realízase un sistema de "rasca e gaña" cunha achega de 3.000 euros, con bonos que poderán ser trocados nos establecementos participantes. Yoya Blanco explicaba na presentación que participan comercios de diferentes sectores coa intención de que competir diante as grandes cadeas comerciais e franquías.
A lista de establecementos aparecerá na páxina web do Concello de Pontevedra. A concelleira pediu á cidadanía que poñan o seu gran de area para que os escolares retornen ás aulas con ilusión e que os establecementos locais poidan facer fronte á actual situación económica. A campaña tamén se centra en aumentar o atractivo dos escaparates con cartelería e con difusión nas redes sociais.