Malestar veciñal pola falta de beirarrúas no acceso a vivendas na reforma da estrada provincial en Campelo
Por Redacción
En marzo de 2019 comezaban as obras de reforma da estrada provincial entre Campelo e Lourido no municipio de Poio. A Deputación tiña previsto levar a cabo un cambio de imaxe con mellores accesos, creación de sendeiros peonís e de espazos de convivencia veciñal.
Pero agora os residentes de catro propiedades de Campelo amosan a súa preocupación pola execución destas obras. Alertan da falta de beirarrúas por un dos laterais da estrada, precisamente pola marxe no que se atopan as súas vivendas. Juan é un dos veciños afectados e non entende por que razón non se constrúen beirarrúas na zona por onde os veciños camiñan para entrar e saír das súas propiedades. Afirma que esta carencia provoca inseguridade: "Eu teño fillos pequenos e xa non os podo mandar sós para tirar o lixo ao contenedor tal e como queda a carretera".
Sinalan que, ademais, a calzada desprazouse preto dun metro cara ás vivendas dese lado deixando menos marxe, nalgunhas zonas, para o paso dos peóns por este tramo. Os residentes afirman que se queixaron á Deputación e aos enxeñeiros que visitan as obras sen que as súas demandas tiveran éxito.
O proxecto contempla ademais unha plataforma única sen diferenza de altura entre a calzada e os carrís dos bordos, unha situación que é criticada polos veciños ante o temor de que os vehículos poidan golpear aos viandantes.
Os veciños recoñecen que a obra era necesaria porque supón mellora da iluminación pública, saneamento e sistema de pluviais, entre outros aspectos, pero entenden que estes traballos cun orzamento total que supera os dous millóns de euros deberían atender as demandas veciñais en canto a seguridade nos accesos ás vivendas.
Relacionadas:
-
Prevén a creación dunha zona de carga e descarga preto da Praza da Granxa en Campelo
Por Redacción |
-
O PP de Poio insta o Concello a que a cobertura da internet chegue coa máxima calidade a todo o municipio
Por Redacción |
-
O PP de Poio esixe a creación de prazas de aparcamento en Campelo
Por Redacción |
-
O Concello de Poio e a Deputación pasan revista aos traballos na estrada de Campelo
Por Redacción |
-
As obras das estradas provinciais en Campelo comezarán en maio
Por Redacción |