Os alcaldes socialistas da provincia piden compensación aos concellos polos gastos xerados pola Covid-19
Por Redacción
O poder municipal do PSdeG-PSOE na provincia, ou o que é o mesmo os alcaldes, alcaldesas e tenentes de alcalde, acordaron esixir á Xunta de Galicia un financiamento "xusto e inmediato" que cubra os gastos que o concellos están a asumir na prestación de servizos derivados da pandemia de Covid-19 que, entenden, son de estrita competencia autonómica.
Entre estes servizos destacan, polo seu elevado custo, a limpeza e desinfección extraordinaria dos colexios ante o inminente comezo do curso escolar.
Este asunto foi tratado nunha reunión telemática dos representantes socialistas presidida polo secretario xeral do PSOE na provincia de Pontevedra, David Regades, e na tamén tomaron parte os presidentes das federacións de municipios e provincias de España e Galicia, Abel Caballero e Alberto Varela, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva.
A asemblea local socialista pontevedresa considera que os concellos están a piques de entrar nunha "situación extrema".
"Xa non é posible seguir estirando os orzamentos municipais sabendo que logo a Xunta non vai cubrir nada, porque iso significaría ter que deixar de prestar servizos municipais básicos", sinalan os socialistas.
Regades anunciou o comezo de iniciativas, a distintos niveis, para obrigar á Xunta a poñerse ao lado dos concellos.