Cinco empresas optan a realizar o estudo e proposta de explotación do transporte a demanda de Pontevedra
Por Redacción
Un total de cinco empresas presentaron ofertas para a asistencia técnica para o desenvolvemento do estudo e proposta e explotación do transporte colectivo a demanda do Concello de Pontevedra. A primeira mesa de contratación celebrada para a apertura das ofertas acordou a admisión das 5 presentadas.
O concelleiro de Obras Urbanas e Transporte, Demetrio Gómez, valora que se trata dunha cantidade de empresas "importante" tendo en conta "a dificultade e a orixinalidade" do proxecto e amosou a súa satisfacción porque as empresas que se presentaron teñen unha ampla experiencia en planificación de transporte a nivel estatal e internacional.
As cinco empresas que presentaron ofertas son Consultora Alomon S.L., Eptisa Servicios de Ingeniería S.L., Iceacsa Consultores S.L.U., Idvia 2020 Horizonte 2020 S.L. e a UTE Mcrit S.L. - Seteoitavas Coop.G.
A contratación desta asistencia técnica licitouse cun orzamento de 102.850 euros e cun prazo de execución de 11 meses. Permitirá analizar o comportamento da mobilidade nas parroquias de cara a deseñar solucións acaídas.
Por outra banda, está a piques de rematar o prazo para a presentación de ofertas para a aplicación informática que vai establecer como funcionará este servizo de transporte a demanda. Ten un importe de licitación de 297.460 euros e conta cun prazo de execución de 21 meses.
A previsión é que ambas contratacións estean adxudicadas e que comecen a executarse cara finais deste ano. Demetrio Gómez está satisfeito porque "estamos cumprindo os prazos e a folla de ruta que nos marcamos para que Pontevedra, ao final deste mandato, teña funcionando un transporte público a demanda adaptado á realidade do século XXI".
Relacionadas:
-
Tecnoloxía galega e aragonesa para a APP do transporte a demanda de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O estudo para o transporte a demanda en Pontevedra estará feito a finais de 2021
Por Alejandro Espiño |
-
Dúas empresas compiten por deseñar a APP do transporte a demanda de Pontevedra
Por Redacción |
-
Sacan a licitación dous trámites que poñen máis preto o proxecto de transporte a demanda
Por Natalia Puga |
-
O estudo do transporte a demanda incluirá unha análise completa da mobilidade no rural
Por Alejandro Espiño |