O Museo Manuel Torres de Marín, máis accesible
Por Natalia Puga
O Museo Manuel Torres de Marín, epicentro da actividade cultural da localidade, é agora máis accesible. Despois dunha longa tramitación administrativa, finalmente, este martes presentouse de xeito oficial o novo ascensor que mellora a accesibilidade do inmoble.
Para esta presentación, desprazáronse ata o Museo a alcaldesa de Marín, María Ramallo; o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e unha representación do Concello e da delegación territorial da Xunta. Por mor das medidas de seguridade decretadas para evitar a expansión do coronavirus, tan só puideron usalo de xeito individual para comprobar a mellora que supón na accesibilidade deste edificio tan usado.
Durante a visita, Rueda puido coñecer de primeira man esta actuación e tamén outra obra que que se financiou o ano pasado en Marín con cargo a axudas dependentes da Vicepresidencia da Xunta. Trátase dunha actuación de 30.000 euros para renovar o alumeado público da rúa República Arxentina, o que redundou nunha mellora da eficiencia enerxética.
María Ramallo destacou que no caso do Museo Manuel Torres a instalación deste ascensor valorado en preto de 40.000 euros era unha "demanda histórica", pois nestas instalacións realízase a maioría da actividade cultural e social de Marín. "Levounos tempo porque o proxecto foi complexo, esta zona está afectada por Patrimonio, houbo que facer un control arqueolóxico, houbo que chegar a un acordo coa comunidade de veciños", relatou, para manifestar a súa satisfacción porque esta actuación sexa xa unha realidade.
Entre a visita ao Museo e o percorrido polas obras de República Arxentina, Rueda e Ramallo mantiveron unha reunión na que a alcaldesa lle trasladou máis solicitudes de actuacións que precisa Marín para mellorar a súa accesibilidade, entre elas, unha na propia Casa Consistorial. Ademais, a responsable municipal aproveitou a visita para agradecer estas actuacións que poden parecer "pouco importantes" polo seu investimento, pero que son "moi importantes" en tanto que melloran moitos espazos.
Alfonso Rueda lembrou que levan xa "moitos anos dando pequenas axudas" que "son efectivas" porque "solucionan unha necesidade que beneficia a moita xente". De feito, deu a coñecer que nos últimos anos levan investidos en Marín preto de 500.000 euros en pequenas actuacións similares ás visitadas este martes.
A colaboración co concello continúa este ano, xa que ten concedidas novas axudas para renovar a luz pública exterior noutros dos puntos do concello, ademais do convenio para colaborar no financiamento de establecemento de medidas de prevención da Covid-19 nas praias, que supuxo 40.000 euros.
Sobre estas axudas para as praias, Rueda lembrou que se crearon para colaborar con moitos concellos costeiros que "viron incrementadas as súas necesidades de actuación para contratar persoas ou facer pequenas infraestruturas para poder empregar as praias con garantías de seguridade".
Relacionadas:
-
O Museo Torres acolle unha exposición do artista marinense Manuel Santos
Por Redacción |
-
O Museo Torres de Marín adicará unha das súas salas á arqueoloxía do municipio
Por Redacción |
-
A primeira exposición da nova normalidade chegará ao Museo Torres de Marín o 1 de xullo
Por Redacción |
-
De cando Manuel Torres viviu a pandemia de gripe de 1918 e outras pílulas de cultura sobre o pintor
Por Redacción |
-
Instalan o ascensor no Museo Manuel Torres e prepáranse melloras no estadio de San Pedro
Por Redacción |