Recóllense 851 litros de aceite usado en Bueu que evitan a contaminación de preto dun millón de litros de auga
Por Redacción
851,88 litros de aceite usado recollíase nas últimas semanas dos contedores instalados en diversos puntos de Bueu durante o mes de xullo. Segundo a concellería de Medio Ambiente de Bueu esta cifra evita a contaminación de ao redor dun millón de litros de auga.
Xosé Leal, concelleiro de xestión de residuos e medio ambiente, esta cifra experimenta un aumento constante. No mes de febreiro obtivéronse 450 litros mentres que en marzo e xaneiro, 470 e 510 respectivamente.
Estes contedores levan preto dun ano instalados en once espazos do municipio: en Xosé María Estévez, en Loureiro, en Montero Ríos, en Agrelo, na Avda de Marín, na Banda do Río, en Pazos Fontenla, na praia de Beluso, en Rúa Nova de Arriba, en Beluso, e nas proximidades do cemiterio de Cela.
Desde que se instalaron recolléronse case 6.000 quilos, que en total permitiron evitar a contaminación de 6,5 millóns de litros de auga. En todo caso, Xosé Leal advirte que é necesario seguir nesta liña porque o aceite de cociña usado ten un poder contaminante 5.000 veces superior que a auga residual que circula pola rede de saneamento. As persoas que depositen este aceite nos puntos establecidos deberá facelo en botellas pechadas e dentro do interior do contedor.
En canto ao resto de recollida selectiva, os comercios e locais da hostalería teñen á súa disposición a recollida de cartón e papel comercial os luns e xoves de 19.00 a 20.00 horas. Deben apuntarse a través do teléfono 900.725.425, para evitar que se colapson os contedores destinados ao resto da cidadanía.
Tamén se está xestionando a recollida porta a porta de biorresiduos para produtores singulares como é o caso da hostalería. A intención é trasladar este lixo para despois levala á planta de compostaxe da Mancomunidade.