VÍDEO.- O helicóptero do 061 evacúa unha bañista na praia de Lapamán
Por Redacción
A indisposición sufrida por unha muller na praia de Lapamán, na zona pertencente ao municipio de Bueu, motivou este domingo un importante dispositivo de emerxencia no areal, aínda cheo de persoas que gozaban dunha asollada xornada.
Un extremo da praia foi desaloxada para permitir a aterraxe do helicóptero das urxencias sanitarias do 061, que se desprazou ata o lugar para atender a emerxencia.
A dificultade de acceso por terra nese extremo do areal fixo que a mellor opción de evacuación da muller fose coa aeronave.
A muller foi trasladada ao Hospital de Montecelo e unha vez despegou o helicóptero, a praia recuperou a normalidade.
No dispositivo de emerxencia participaron, ademais do 061, efectivos da Policía Local de Bueu e o servizo de socorristas do areal.