Pontevedra, coa prima de risco en 288 puntos básicos
Por Alejandro Espiño
Nun momento no que as cifras da prima de risco fixéronse omnipresentes no panorama social, económico e político do noso país, o Concello de Pontevedra botou man dese indicador para presumir da boa saúde económica das arcas municipais. E é que segundo o alcalde, Miguel Fernández Lores, a prima de risco de Pontevedra estaría nuns 288 puntos básicos, fronte aos 415 puntos da economía española.
Como fai eses cálculos? Pois ben fácil. O Concello de Pontevedra asinou dous novos créditos bancarios. Un con Caixabank, dun millón de euros, e outro co BBVA, de 2,45 millóns de euros. En ambos, o goberno local obtivo un interese do 4,42%, incluído o Euribor. ÿ, segundo Fernández Lores, unha cifra "sensiblemente inferior aos créditos que está obtendo o Estado para financiar a débeda pública".
Traducido aos indicadores da prima de risco, Pontevedra estaría nesa marca de 288 puntos básicos. Por iso, o alcalde afirmou que se consideramos que a prima de risco é a que valora a solvencia dunha administración pública, Pontevedra é moito máis solvente que o Estado". Revela, di Fernández Lores, que Pontevedra "fai unha xestión solvente dos seus recursos e que usamos os cartos dos cidadáns para mellorar a cidade".
"Poucos concellos acceden a crédito estes días e moitos dos que o piden, non reciben ofertas e quedan desertos", explicou Miguel Fernández Lores. O alcalde reiterou que Pontevedra é un concello solvente e que ten capacidade de investimento en cuestións "imprescindibles e prioritarias".
Fernández Lores indicou que o diñeiro solicitado a estas dúas entidades bancarias, que xa estaba recollido nos orzamentos para 2012, servirá para financiar diversas actuacións, como a mellora de accesos no rural, alumeado público, parques e xardíns infantís, a rehabilitación de rúas no casco urbano ou para a remodelación de equipamientos culturais.