O PP critica a ausencia do alcalde na inauguración do Sarmiento e Lores recorda "agravios" recentes
Por Alejandro Espiño
Nin o alcalde de Pontevedra nin ningún outro membro do goberno municipal acudiu onte á noite á inauguración do edificio Sarmiento. Un feito que, para o Partido Popular, é un "desprecio" por todos os cidadáns. Así o cualificou o concelleiro Pablo Fernández nunha rolda de prensa celebrada este xoves. Lamentou que con este tipo de actitudes "parece que en vez de gobernar para todos los pontevedreses gobiernan sólo para su núcleo duro".
Os populares personalizaron as súas críticas no alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores. Pablo Fernández afirmou que "son unas formas a las que ya nos tiene acostumbrado el alcalde, ese partidismo político que hace y el desprecio por todos los ciudadanos".
"Yo creo que a todos como ciudadanos pontevedreses nos hubiera gustado que en un hecho histórico para la ciudad tener a nuestro alcalde representando a la ciudad en la inauguración del posiblemente mejor museo provincial de toda España. Son estrategias políticas que yo no comparto", concluíu.
LORES DEFENDE A SUA AUSENCIA
Estas declaracións tiveron unha réplica inmediata por parte do alcalde. En sede municipal, Miguel Fernández Lores ironizou co feito de que no Partido Popular estean "moi preocupados" pola súa ausencia na inauguración do Sarmiento "e non lles preocupe que o Concello xa non teña representación no patronato do Museo, que foi creado para defender os intereses de todos os cidadáns".
Fernández Lores recordou que está "moi próximo" o "ninguneo" que sufriron, na súa opinión, os antigos patronos do Museo e o propio alcalde, cando non foron recibidos polo presidente da Deputación, Rafael Louzán, para tratar de impedir que a institución fora integrada no organismo provincial. Explicou que "non me pareceu procedente participar nestes actos de boato cando está este agravio tan recente".
En todo caso, o alcalde capitalino lamentou que o Partido Popular "sempre defenda ao seu partido e non aos cidadáns". Animoulles a que "sigan nesa liña, porque iso é marabilloso para o goberno municipal". Entende Fernández Lores que os populares caracterizáronse nos últimos tempos "polas súas críticas moitas veces inxustificadas" e concluíu asegurando que "así lles vai".