Tres galiñas, mil euros
Por Natalia Puga
En Pontevedra, dúas galiñas e un galo non están ao alcance dun mileurista. Compralos non lle permitiría chegar a final de mes. As tres pezas retiradas do grupo escultórico da muller coas galiñas situada diante do Mercado de Abastos serán díficiles de repoñer e, se se logra, non baixarán dos mil euros.
A valoración faina a propia autora da escultura, Cuqui Piñeiro, que fala do acto vandálico do que foi vítima a súa obra como unha broma de moi mal gusto."Os costes teria que avalialos pero non baixa de 1.000 euros a broma", sinalou en declaracións a PontevedraViva.
Cuqui Piñeiro tivo noticia do ataque á súa escultura a través deste medio, que foi o que avanzou a nova, e sinala que este acto é "máis grave" que o que sufriu a obra ao pouco tempo de instalarse, xa que nesta ocasión está en perigo que a obra poida volver ser o que era.
Así, explica que "non existe molde, co cal teriamos que facer o modelado de novo". Engade que esta circunstancia é a que encarece a reposición das tres pezas roubadas, "cos conseguintes costes para o Concello e para os cidadáns".
A autora, Cuqui Piñeiro, valora que "sinceiramente non ten xustificación algunha" o ataque que sufriu a escultura
Cuqui Piñeiro tamén fai un chamamento á responsabilidade dos autores deste acto vandálico, que aínda non lograron ser identificados a pesares de que hai testemuñas dos feitos que alertaron á Policía Local. "Teríamos que ser nós principalmente os que deberíamos protexer o noso patrimonio urbano, e non a inversa", sinala.
"Sinceiramente non ten xustificación algunha", conclúe Cuqui Piñeiro en relación con este último "destrozo da peza". Refírese tamén ao acto do que foi vítima "recén colocada", xa que "houbo intentos de sacar as galiñas". Naquela ocasión, "as rectificamos para dar mais seguridade ás patas (só teñen duas) e o que fixen foi xuntar ás galiñas para máis seguridade".
Refírese a que "daquela díxose que podía entenderse que era un ataque a algunha figura política, á Corporación ou o que sexa nese momento". "Parece que a peza tivo éxito e aceptación da cidadania, co cal non se entende porque se destinan as iras á obra pública que é de todos", valora, "forma parte do patrimonio dos cidadáns, non dos políticos".