Sanxenxo recibe máis de 50 propostas para deseñar o novo mercado de abastos
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo recibiu máis de 50 propostas para deseñar o novo mercado de abastos do municipio.
O prazo concluíu este luns coa chegada de medio cento de proxectos, ao que hai que engadir os que chegarán nos próximos días dentro do prazo habilitado para os que comunicaran oficialmente o seu envío sen que fose aínda recibido.
Segundo confirmou o Concello, máis da metade de propostas proceden de fóra de Galicia, de zonas como Baleares, Granada, Madrid ou Valladolid.
O mercado, cuxo proxecto de construción contempla un edificio de cinco plantas e dous sotos cun orzamento de 4.512.329 euros, situarase na planta baixa de 550 metros cadrados con catorce postos fixos para carnes, charcutería e embutidos; polos; ultramarinos; encurtidos, salgaduras e conservas; conxelados; lácteos e ovos; panaderías; e local de reparación de calzado e duplicado de chaves. Contémplanse 25 bancadas para peixes e mariscos; froitas, hortalizas, verduras e produtos de tempada. Inclúese tamén nunha zona anexa un espazo gourmet, que poida dar servizo á vez ao propio mercado e ao resto de equipamentos.
O edificio estará dotado dun aparcamento de uso de mercadorías do propio mercado, e un aparcamento de uso público, que pode ocupar as rúas circundantes. O proxecto contempla un centro multiusos con equipamentos multidisciplinares.
Tal e como establecen as bases do concurso, o primeiro premio recibirá 20.000 euros, o segundo 6.000 e o terceiro 3.000 euros. Ademais entregaranse ata catro accésits de 500 euros cada un.
Se se cumpren os prazos previstos o Concello de Sanxenxo dará a coñecer á idea gañadora a finais do mes de outubro.
Relacionadas:
-
O concurso para deseñar o novo mercado de abastos de Sanxenxo ten 17 finalistas
Por Redacción |
-
O concurso de ideas para deseñar o futuro mercado de abastos de Sanxenxo recibe 63 propostas
Por Redacción |
-
Sanxenxo inicia as obras de remodelación da praza de abastos de Portonovo
Por Redacción |
-
Sanxenxo repartirá 31.000 euros en premios no concurso de ideas da Praza de Abastos
Por Redacción |