Poio pacta con Portos de Galicia regular o aparcamento nos peiraos de Combarro, Raxó e Covelo
Por Redacción
Portos de Galicia e o Concello de Poio asinarán un convenio de colaboración para regular o aparcamento nos peiraos de Combarro, Raxó e Covelo, segundo confirmou este luns a Consellería do Mar.
Trátase dun acordo que foi pactado previamente cos profesionais que operan nas instalacións destes portos co obxectivo de garantir a súa operatividade e tamén a seguridade.
Os detalles da colaboración tratáronse nunha reunión con Portos de Galicia á que acudiron representantes e técnicos municipais.
O convenio inicialmente estaba previsto só para o porto de Combarro, pero finalmente farase extensivo tamén a Covelo e Raxó facilitando unha importante bolsa de aparcamento.
En virtude do acordo a administración autonómica facilitará temporalmente o uso de parte dos terreos portuarios, que serán regulados e xestionados coa axuda da administración local.