Once positivos máis de coronavirus desde o domingo na área sanitaria, que suma xa 70 casos activos
Por Natalia Puga
Novo incremento importante do número de casos activos de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Este luns 17 de agosto hai un total de 70, dez máis que o domingo, aínda que en realidade contabilizáronse un total de 11 novos positivos, pois a un paciente déronlle o alta.
Segundo a última actualización de datos do Servizo Galego de Saúde, este incremento de casos tamén se rexistrou na última xornada no resto de Galicia. Así, en toda a comunidade hai 1.400 casos activos de coronavirus, 118 máis que os 1.282 que se contabilizaban o domingo.
No caso de Pontevedra e O Salnés, non hai pacientes con Covid-19 hospitalizados en planta nin en área de coidados críticos nos hospitais da área sanitaria, de modo que os 70 casos activos mantéñense nos seus domicilios.
Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 935 pacientes, un nas últimas 24 horas, e faleceron por este virus na área sanitaria 17 pacientes, o último esta fin de semana.
A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que aumentaron todos datos xerais en Galicia e en todas as áreas sanitarias excepto Lugo e Vigo. En Lugo mantéñense os 110 casos do domingo e en Vigo mesmo baixaron de 139 a 134.
Así, na Coruña hai este luns 851 casos activos fronte aos 778 do domingo, isto é, 73 máis; en Ourense, hai 20 casos máis, 114 este luns fronte aos 94 do domingo; en Pontevedra pasaron de 60 a 70; en Santiago aumentaron os positivos en oito pasando de 55 a 63; e en Ferrol hai dous casos máis, pasando de 51 a 53.
Do total de pacientes positivos, 5 permanecen en UCI, 57 en unidades de hospitalización e 1.338 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 11.608 persoas curadas, rexistrándose 625 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 282.103 e hai 12 casos activos vinculados a centros residenciais. Así, dos 1.400 casos activos, oito son usuarios e catro son profesionais de centros residenciais.