Denuncian verteduras incontroladas en varias zonas de Marín
Por Redacción
A portavoz municipal do BNG en Marín, Lucía Santos, solicita ao Concello que tome medidas urxentes ante o aumento dos vertedoiros incontrolados en varios puntos do municipio.
O grupo do Bloque Nacionalista Galego pon o exemplo do vertedoiro descuberto en Miñán e que fora notificado hai uns días nas comisións de rural e medio ambiente, respectivamente. O Goberno local procedeu á súa limpeza e retirada de entullos. O problema é que pouco despois, as verteduras volvían aparecer, sen que a situación a día de hoxe estea resolta.
O BNG marinense está a recoller diversas reclamacións da veciñanza respecto a estes puntos de acumulación de lixo. En concreto, nos lugares de Fixón, Santomé, Pardavila, Rúa Nova, Moreira, Vista Alegre, A Roza ou A Porteliña. Neste último punto mesmo se alerta do perigo para o patrimonio histórico, xa que se trata duns contedores que están situados ao carón da sinalización do Castro da Subidá.
Este listado foi trasladado hai unha semana á comisión informativa de medio ambiente e o grupo municipal nacionalista volverá a levalo ao pleno municipal pola urxencia de retirar e limpar estas zonas, non só pola mala imaxe "que provoca ter vertedoiros a pé de rúa, están os malos cheiros e a proliferación de insectos e animais insalubres", apunta Lucía Santos.
A portavoz muncipal do BNG solicita ao Goberno local que se busque unha nova localización para os contedores de lixo que están situados en zonas sensibles como marquesiñas ou sinais informativos; que se realice por parte da empresa concesionaria unha limpeza máis a miúdo das zonas de contedores; que se coloquen en puntos problemáticos carteis informativos de "prohibido botar lixo" e o teléfono para a recollida de aparellos; e que se realice unha campaña a pé de rúa para a concienciación cidadá sobre o tratamento de lixo.
"Dende o BNG solicitamos ao goberno municipal para que tome medidas urxentes ante esta situación, xa que son numerosos os puntos de contedores polas parroquias do rural nos que se acumulan mobles, colchóns, restos de obras e residuos", matiza a portavoz municipal.
Relacionadas:
-
Rozan a súa leira e descobren unha zona 'chill out'
Por María José Pita |
-
Nova campaña de concienciación sobre a recollida de voluminosos en Marín
Por Redacción |
-
Crece a recollida de residuos voluminosos en Marín
Por Redacción |
-
Piden ao Concello de Marín a retirada de verteduras ilegais que proliferan no Monte Pituco
Por Redacción |
-
Denuncian un vertedoiro incontrolado de colchóns, mobles e electrodomésticos en Miñán
Por Redacción |
-
Pneumáticos, pezas de coches, restos de mobles... e todo nos fondos do porto de Marín
Por Redacción |