Cinco barcos de Marín proban un aparello para a recollida de residuos
Por Redacción
A Organización de produtores de pesca do mar do Porto e Ría de Marín (OPROMAR) estreará a través de cinco embarcacións de Marín un novo aparello de pesca de arrastre de fondo destinado a retirar residuos mariños.
Está previsto que nos próximos días comece a actividade con esta nova ferramenta e prolónguese ata finais de setembro. A proba piloto, que conta con autorización da Secretaría Xeral de Pesca, vai levarse a cabo entre a desembocadura do río Miño e a boca da Ría de Vigo.
A idea céntrase en realizar unha avaliación sobre o funcionamento deste novo elemento para melloralo no caso de que sexa necesario. Desta forma, os buques 'Nuevo San Cibrán, 'Ensenada de Bueu', Gonzacove Uno', 'Ría de Marín' e 'Hermanos Soage' encargaranse da recollida de residuos do fondo do mar e, entre outras cuestións, analizarán os custos asociados desta operación e a pegada de carbono que deixa. Tamén realizarán un estudo comparativo da pesca activa e pasiva de lixo mariño en termos de custos, eficacia e beneficios ecolóxicos e do medio ambiente.
O aparello leva unha cadea de 66 metros ancorada na rede, que efectúa un arado de sesenta e cinco graos sobre o fondo mariño. Os elementos vivos poden fuxir a través das tres vías de escape que presenta na trompa antes de chegar ao límite no que se recolle o lixo. Segundo Opromar, a malla que se emprega é cadrada e ampla.
Estes barcos de Marín realizarán ata finais de setembro nove saídas en días consecutivos, dúas semanais para cada embarcación. O buque encargado de realizar a limpeza levará a bordo dous dos aparellos e equipos electrónicos necesarios para supervisar a actuación, que conta co apoio loxístico e técnico do Cetmar, da Consellería do Mar.
A tripulación encargarase de separar o lixo en bolsas para etiquetarla e clasificala en terra. Despois realizarase un informe técnico destinado á Secretaría Xeral de Pesca.
Entre 2018 e 2019, os barcos de Opromar recolleron un total de 37.918 quilos de lixo mariño. Na maioría de casos tratábase de plásticos.
Relacionadas:
-
Os armadores reúnense coa subdelegada do Goberno para coñecer as axudas ao sector
Por Redacción |
-
Drons e satélites para detectar lixo mariño na ría de Pontevedra
Por Redacción |
-
O alumnado do instituto das Bizocas participará nunha limpeza simultánea de praias
Por Oskar Viéitez |
-
O Porto de Marín retirou máis de 20 toneladas de lixo mariño no que vai de ano
Por Redacción |