O PP de Poio denuncia o abandono de Vilariño e Fragamoreira: "seguen sen auga nin saneamento"
Por Redacción
O Partido Popular de Poio iniciou a súa nova campaña de denuncia contra o abandono do goberno local en Vilariño e Fragamoreira, dous núcleos da parroquia de San Xoán que despois de 25 anos de gobernos de Sobral "seguen sen auga nin saneamento".
A concelleira Rocío Cochón, destacou que en Vilariño e Fragamoreira viven máis de 300 veciños que non teñen servizos tan básicos como auga da traída ou alcantarillado, unha situación "intolerable en pleno 2020" que demostra a incapacidade e a falta de compromiso do goberno local nos últimos 25 anos e que "debería darlles vergonza".
Segundo informes do propio concello realizados por técnicos municipais, hai máis de 2.000 veciños de Poio sen saneamento, máis de 1.000 sen auga corrente e outras 500 que dependen de pozos, sen tratamento de potabilización, polo que estes dous núcleos son "a punta do iceberg", pero esta problemática repítese noutros núcleos, como A Escusa ou Esperón, pero tamén en zonas de Raxó, Samieira e Combarro e incluso en vivendas e negocios pegados á PO-308.
Para Cochón, a decisión de comezar a campaña nestes núcleos é coherente coa filosofía do PP de atender primeiro aos problemas máis graves e ás demandas dos veciños que o goberno local leva ignorando máis tempo. Así, os veciños destes dous núcleos "non teñen cubertas as necesidades máis básicas" pese a que residentes, colectivos e o propio PP levan décadas esixindo unha solución por todos os medios.
"Xa perdemos a conta das veces que pedimos auga e saneamento para Vilariño, Fragamoreira e para todos os lugares que non a teñen", explicou Cochón, que recordou que a pandemia e o confinamento "agravaron os problemas de veciños que durante unha crise sanitaria e pechados nos seus fogares non se puideron dar unha ducha na súa casa, non tiveron auga para cociñar ou lavar a louza, veciños aos que o concello non lles dá os servizos máis básicos"
Cochón recordou que ademais das solicitudes dos veciños, e de rogos, preguntas e iniciativas presentadas en comisións e plenos polo PP, en marzo de 2018 os populares presentaron unha moción pedindo ao Concello que destinase os remanentes municipais para dotar de auga e saneamento aos veciños que non tiveran, e que foi rexeitada por BNG e PSOE, "outra mostra da incapacidade de Sobral e os seus socios para resolver os problemas reais dos veciños".
A popular subliñou que "a lei deixa ben claro que tanto o abastecemento de auga como o alcantarillado e o tratamento de augas residuais son competencias exclusivamente municipais, pero é que ademais de ser unha obriga legal debería ser unha responsabilidade ética e moral, non ter a centos de familias sen auga corrente na casa".
"Esperemos que agora non lle falten o respecto aos veciños poñendo desculpas ridículas ou botándolle a culpa á Xunta ou a outra administración, como fan sempre", advertiu Cochón: "Despois de 25 anos do BNG na alcaldía e case outros tantos do PSOE como socio non valen escusas. Eles son os únicos culpables de que os veciños de Vilariño, Fragamoreira e moitos outros lugares de Poio non teñan auga nin saneamento".
Finalmente, Cochón anunciou que o PP seguirá traballando para dar voz aos veciños de Poio estudando cada denuncia recibida para garantir que todos teñan acceso a servizos básicos.
Relacionadas:
-
O Concello de Poio pon en marcha a mellora do Camiño de San Martiño
Por Redacción |
-
O PP de Poio esixe a creación de prazas de aparcamento en Campelo
Por Redacción |
-
Poio reforza as tarefas de limpeza ante o aumento de visitantes en agosto
Por Redacción |
-
O PP afirma que o goberno local é o "único culpable" da situación das emerxencias en Poio
Por Oskar Viéitez |
-
O PP critica que o Goberno de Poio convoque un "pleno da vergoña" só para "aprobar canto antes" un cambio de salarios
Por Redacción |
-
O PP de Poio denuncia a instalación de contedores de lixo municipais que dificultan o paso de peóns na PO-308
Por Redacción |