Sanidade non recomenda o baño na praia do Preguntoiro pola presenza excesiva de bacterias E-coli
Por Redacción
A Consellería de Sanidade trasladou nas últimas horas ao Concello de Vilagarcía que desde as autoridades locais debe desaconsellarse o baño na Praia do Preguntoiro de maneira temporal. A última análise, realizado este xoves, demostrou a presenza de niveis anormais da bacteria E-coli, en concreto 1.300 NMP/100 ml, cando o máximo aceptable sitúase en 1.000 NMP/100 ml.
O Concello de Vilagarcía contactou con Augas de Galicia, organismo que confirmaba que durante as últimas analíticas observouse o incremento nos niveis de contaminación das augas deste area. Estes niveis non se corresponden coa excelencia das augas rexistrado nos últimos tempos neste punto, segundo sinalan desde o goberno local.
A falta doutros estudos, o goberno de Vilagarcía entende que a orixe desta vertedura contaminante, do mesmo xeito que Augas de Galicia, atópase na Rúa do Freixo, debido a filtracións que se producen na tubaxe. Unha rúa na que o Concello ten previsto desenvolver obras ao longo deste ano, a través do Plan Concellos da Deputación, coa renovación total das redes de augas pluviais e residuais. Tamén está previsto o ensanche da rúa, unha vez que se alcanzou un acordo coa empresa Coinba para adquirir os terreos necesarios para executar a obra.