Os socorristas de Sanxenxo realizaron catorce rescates durante o mes de xullo
Por Redacción
As actuacións dos socorristas nas praias de Sanxenxo durante o mes de xullo incluíron catorce rescates acuáticos. Os areais de Baltar, Foxos, Pragueira, Area de Agra, Canelas e Panadeira foron os lugares que concentraron estas actuacións. Case todas estas intervencións tiveron como elemento común a presenza de inchables e elementos acuáticos como táboas de pádel surf ou kaiaks que debido ás correntes mariñas e a dificultade de volver a terra obrigaron a actuar ao servizo de socorrismo do municipio.
Nalgúns casos estes rescates foron posible por terra e noutros a través das dúas embarcacións de socorrismo que durante o verán patrullan a costa do municipio. A rápida actuación en cada un dos casos e a profesionalidade do servizo permitiron que non houbese que lamentar vítimas e que finalmente todo quedase nun susto. Sanxenxo revalida así a distinción temática de Salvamento e Socorrismo outorgada este ano pola ADEAC e coa que tan só contan tres municipios españois máis.
Os golpes de calor (3) e lesións ou golpes de distinto tipo (4) tamén aparecen na listaxe de incidencias do servizo de socorrismo. As feridas e cortes obrigaron a actuar ata en 497 ocasións aos sanitarios presentes nos 17 areais durante o mes de xullo. As picaduras de fanecas centraron tamén boa parte das intervencións dos socorristas cun total de 694. O areal que rexistrou un maior número foi Montalvo (134), seguida de Canelas (93), Silgar (91), Areas (59), Bascuas (52), A Lanzada (51) e Foxos (45).
O goberno local quere agradecer o labor que cada ano, e neste de forma especial pola situación sanitaria, realizan os socorristas nas praias de Sanxenxo. Un servizo que este ano conta co reforzo dos informadores de praias, unha figura moi ben valorada polos bañistas e que profunda no mantemento da seguridade sanitaria nos areais.
Relacionadas:
-
A nova figura do verán de Sanxenxo: "Somos informadores, non somos policías de praia"
Por Natalia Puga |
-
Socorristas de Sanxenxo convocan unha concentración ante os "atropelos" do goberno de Telmo Martín
Por Redacción |
-
ADEAC felicita a Sanxenxo pola limpeza dos areais con bandeira azul
Por Redacción |
-
As picaduras de faneca 'pasan' das praias de Poio
Por Redacción |
-
As picaduras de fanecas e avespas copan o traballo dos socorristas das praias de Marín
Por Oskar Viéitez |