Terceiro atraco, mesmo modus operandi: un home coa cara tapada e pistola en man
Por Natalia Puga
Un home coa cara tapada e armado cunha pistola comete un atraco no supermercado Moldes da rúa Bélxica de Monte Porreiro. Sucedeu este mércores pouco despois das 14.00 horas e supuxo o despregamento dun amplo dispositivo policial, pero non se pode entender como un feito illado. ÿ o terceiro cometido co mesmo modus operandi en nove días.
Fontes da Policía Nacional confirmaron que se está a investigar a vinculación deste atraco cos cometidos o luns 12 de agosto na panadaría La Seca da rúa Augusto González Besada e o deste martes 20 de agosto no supermercado Día da rúa Echegaray.
Os dous anteriores sucederon en establecementos de alimentación do centro da cidade e o terceiro no barrio de Monte Porreiro, pero é a única nota discordante, en todo o demais coinciden todas as características.
Nos tres casos sucedeu a mediodía, a plena luz, e o atracador aproveitou un momento en que a empregada estaba soa na caixa. No asalto da panadaría a dependenta estaba soa no local e no Día había máis xente, pero estaba soa na caixa. No caso do Moldes, de novo non lle acompañaba ninguén, pero o super estaba cheo de clientes.
Tamén nos tres casos o atracador entrou coa cara tapada cunha braga negra que só lle deixaba á vista os ollos e cunha pistola na man e dirixiuse á caixeira. Amedrentouna coa arma para conseguir toda a recadación e, cando conseguiu o seu obxectivo, marchou "tan traquilo como entró".
En canto tiveron coñecemento do atraco de Monte Porreiro na Policía Nacional estableceron un dispositivo policial para intentar localizar o seu autor. Ata o momento, non deu os seus froitos, pero cando lle dean alcance non lle imputarán un só delito, senón, polo menos, tres.
Os policías xa entrevistaron ás vítimas e testemuñas dos tres atracos (no primeiro non atoparon a ninguén que o presenciase) e recolleron probas no lugar dos feitos. Para esclarecer os delitos centraranse tamén en determinar se o delito o cometeu usando unha pistola real ou simulada, como lle pareceu a algunha das súas vítimas.
Relacionadas:
-
Deteñen o atracador dos supermercados
Por Natalia Puga |
-
O atracador á caixeira en Monte Porreiro: "Dame lo que tengas que me voy"
Por Oskar Viéitez |
-
Segundo atraco a pleno día no centro nunha semana
Por Natalia Puga |
-
Un home armado e coa cara tapada atraca unha panadaría en pleno día e leva toda a recadación
Por Natalia Puga |