Lores: "ENCE é unha patada no peor sitio que poidas imaxinar"
Por Alejandro Espiño
Moi gráfico foi o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, sobre as declaracións realizadas polo presidente de ENCE, Juan Luís Arregui, que onte en Pontevedra afirmaba que a empresa estaba máis preto de quedarse que de trasladarse de Lourizán. "ENCE é unha patada no peor sitio que poidas imaxinar", afirmou o rexedor capitalino, quen reiterou que a postura municipal é "absolutamente incombustible".
"Tiveron 30 anos para pensar sobre o traslado", dixo Fernández Lores. "Cando compraron a empresa (por Arregui e os novos accionistas), xa sabían que tiñan ese límite". A empresa, segundo o alcalde, "non gusta de investir noutra ubicación, compraron un desguace por catro patacos e segue producindo e xerando beneficios só para os empresarios e un sector industrial limitado".
Miguel Fernández Lores recoñeceu que o traslado custa moito diñeiro e que afectará ás contas da compañía, "iso é indiscutible". Pero indicou que tendo en conta os beneficios que ENCE obtivo en Pontevedra durante todos estes anos, "hai que estar ás duras e ás maduras".
O alcalde explicou que Pontevedra "non é a única cidade que recuperou o espazo que ocupaban grandes empresas" e citou os exemplos de Bilbao ou Barcelona. Neste sentido, reiterou que para o Concello de Pontevedra a recuperación da ría "é moito máis importante que a actividade dunha empresa que pode estar noutro sitio".
Miguel Fernández Lores asegurou que a saída de ENCE da súa actual ubicación en Lourizán permitiría recuperar a ría ambientalmente, aumentando as súas potencialidades económicas relacionadas co marisqueo, a pesca de baixura ou os deportes náuticos, "ademais de ser unha área de expansión para as praias de Pontevedra, uníndonos a Marín e o centro forestal de Lourizán".
Sexa como sexa, e ante o ofrecimiento de Arregui de reunirse co alcalde para explicarlle o proxecto empresarial de ENCE, Miguel Fernández Lores foi moi claro. "Non teño moito interese en reunirme con el".