Rueda asegura que a vixilancia policial e as sancións son "necesarias" porque "sempre hai xente insolidaria"
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, referiuse ás declaracións de onte mércores do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nas que reprochou aos alcaldes da área da Coruña e á Delegación do Goberno a "enorme relaxación nos controis" especialmente do lecer nocturno e os botellóns, para os que suxeriu man dura.
A preguntas dos xornalistas no transcurso dunha visita oficial en Pontevedra o número dous do Executivo galego matizou este xoves que "eu creo que non foi un tirón de orellas, foi unha chamada de atención sobre algo que todos temos que ter claro", dixo.
Referíase Alfonso Rueda a que a loita contra a pandemia da Covid-19 "é unha responsabilidade colectiva" na que "todas as administracións somos responsables e os cidadáns tamén".
Alfonso Rueda insistiu en que "o que fixo o presidente da Xunta foi un recordatorio" de algo que é "de interese xeral" e por iso entende que "iso non ten que dar lugar a ningún malestar senón ao reforzamento desa responsabilidade que todas as administracións temos".
Ademais o vicepresidente anunciou que a Policía Autonómica desenvolverá nos próximos días un "dispositivo especial" na área da Coruña para "lembrarlle aos cidadáns que teñen que ser precavidos e cumprir con estas garantías sanitarias".
Tamén apunta que a vixilancia policial e as sancións son "necesarias" porque "sempre hai xente insolidaria" aínda que afirma que non poden ser "a única ferramenta" xa que "o fundamental" é que "hai que convencerse de que isto é unha responsabilidade cívica que ten que partir de todos nós".
Sobre a prohibición de fumar na rúa se non se pode manter a distancia social, o vicepresidente da Xunta destacou que "entendemos que chamou a atención pola medida novidosa pero está a empezarse a falar de que se cadra se aplica outras partes do territorio", apuntou en referencia a outros lugares de España.