Unha traballadora do porto de Marín, ferida ao quedar atrapada entre bobinas de aceiro
Por Redacción
Os Bombeiros do Morrazo e Pontevedra rescataron na mañá deste xoves unha traballadora dunha empresa do porto de Marín que quedou atrapada entre pesadas bobinas de aceiro.
Os feitos ocorreron pouco antes das dez da mañá. O 112 Galicia recibiu a chamada de alerta dos compañeiros desta operaria, que necesitou a axuda dos servizos de emerxencias para liberarse do peso de cinco bobinas de aceiro que lle impedían moverse.
Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, as consecuencias do golpe foron as graves lesións que presentaba nunha man, polo que foi evacuada ao centro hospitalario de referencia nunha ambulancia de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
Ademais dos profesionais sanitarios, neste operativo participaron os Bombeiros do Morrazo e Pontevedra, axentes da Policía Local de Marín, da Garda Civil e persoal da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra.