A Xunta pide cambiar a Lei Montoro para que os concellos poidan gastar os seus remanentes
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda pediu ao Goberno do Estado que cambie a Lei de estabilidade orzamentaria, coñecida como Lei Montoro, para que os concellos poidan gastar os seus remanentes.
"Nós cremos que a Lei Montoro foi moi necesaria nun momento no que a situación económica demandaba que se tomasen ese tipo de medidas", indicou Rueda. Esta norma supuxo, segundo detallou, que moitos concellos "mellorasen moito a súa situación económica" e como mostra citou que a día de hoxe as arcas locais "teñen aforros".
Dito isto o vicepresidente galego destacou que "agora é un momento diferente e por tanto cremos que do mesmo xeito que o Goberno cambiou outras leis sen ningún problema con esta podería facelo exactamente igual".
Neste sentido, Alfonso Rueda comentou que "non sabemos por que están a dicir que non se pode cambiar baixo ningún concepto e hai que recorrer a estas solucións cando cambiou outras normas do Goberno anterior do Partido Popular sen ningún problema e dun día para outro". "Aquí hai algo máis que non nos queren contar, está claro", engadiu.
A preguntas dos xornalistas no transcurso dunha visita oficial en Pontevedra o número dous do Executivo galego referiuse ás declaracións do presidente do Goberno, Pedro Sánchez nas que se mostrou disposto a seguir negociando cos concellos e os grupos parlamentarios o decreto lei que recolle o acordo coa FEMP sobre a utilización dos remanentes e o uso do superávit, diante das críticas de distintos municipios e partidos políticos.
Rueda lembrou que ese "desencontro" foi "provocado" polo presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) o alcalde de Vigo, o socialista Abel Caballero "por romper o consenso" no seo deste órgano.
"Hai moitos alcaldes socialistas tamén en Galicia que están a dicir, en privado e agora tamén en público, que non é unha boa proposta nin o mellor dos acordos para os concellos", sinalou Alfonso Rueda. "Tan bo non pode ser se o propio presidente está a dicir que probablemente haxa que cambialo", engadiu.
Relacionadas:
-
O PP quere que o pleno da Deputación reprobe a Abel Caballero
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O PP levará aos plenos unha moción para que os concellos poidan dispoñer dos remanentes de tesourería
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez: "Los socialistas de nuestra ciudad deben elegir: o Pontevedra o su partido"
Por Oskar Viéitez |
-
Lores fai fronte común con Almeida, "Kichi" e outros sete alcaldes contra a "incautación" de remanentes prevista por Facenda
Por Oskar Viéitez |
-
Ofensiva do PP contra a "confiscación" dos remanentes dos concellos
Por Oskar Viéitez |
-
Cubela alerta da "extrema gravidade" que supón para os municipios a "incautación" dos seus aforros por parte do Goberno
Por Redacción |