Os eventos deportivos deixan en Pontevedra un retorno económico superior aos 2 millóns de euros
Por Alejandro Espiño
Tenis de mesa, natación, piragüismo, dúatlon, tiro con arco, natación sincronizada ou xadrez. Son as disciplinas deportivas que, nos primeiros sete meses do ano, celebraron en Pontevedra algún evento de primeiro nivel. Máis de 4.000 deportistas, segundo os datos facilitados polo Concello de Pontevedra, que xunto cos seus acompañantes, deixarían na cidade un retorno económico de 2,1 millóns de euros.
ÿ a mostra, destacaron os concelleiros de Promoción Económica e Deportes, os socialistas Carlota Román e Agustín Fernández respectivamente, do impacto económico que xera a celebración en Pontevedra deste tipo de campionatos deportivos, no seu maior parte de categorías de base. Todos eles situaron a Pontevedra, sinalaron, "como a cidade española con maior número de eventos deportivos deste nivel".
Tras destacar o éxito "máis que notable" destes campionatos desde o punto de vista organizativo e deportivo, Carlota Román e Agustín Fernández centráronse nas cifras económicas que xeraron estes eventos. Investíronse neles 350.000 euros "e xeraron un retorno económico importante, o que nos fai afrontar o ano 2014 con moitísimo ánimo e seguir apostando por esta liña de traballo", destacaron.
Neste sentido, a concelleira de Promoción Económica sinalou que, seguindo os estándares da Spain Convention Bureau, calculouse un gasto por día de 150 euros, que se eleva a 200 no caso dos deportistas aloxados no Parador "e que teñen un maior poder adquisitivo". De aí sae esa cifra de 2,1 millóns de euros de retorno económico entre febreiro e xullo "e sen contar cos ingresos da Volta a España".
En canto á ocupación hoteleira, Carlota Román apuntou que, segundo os datos da asociación do sector, durante a celebración destes eventos deportivos alcánzase unha media do 81% de prazas ocupadas. Pero destacou que no caso dos campionatos de natación, natación sincronizada e piragüismo, moitos dos hoteis da cidade chegaron ao 100% de ocupación. Por iso é polo que fronte ao 50,31% de ocupación en xullo en 2012, este ano alcanzárase o 56,60% "o que nos di que imos na boa liña".
Este éxito foi posible, sinalou, pola colaboración co sector. Accederon a baixar os prezos, especialmente os hoteis de maior categoría, para que puidesen pernoctar na cidade "a maioría da xente que vén a estes campionatos". Por iso, aínda que sinalou que esta colaboración "é mellorable", celebrou que coa posta en marcha da oficina de congresos o sector "estea máis implicado" porque o seu concurso é "clave" para atraer este tipo de eventos.
Os socialistas afirmaron que, en todo caso, "sería bo" que Pontevedra puidese contar cun hotel de cinco estrelas para completar a súa oferta hoteleira. Pero Agustín Fernández recoñeceu que "houbo conversacións, pero os tempos son os que son" e vencellou á crise económica e ao "forte investimento" que necesitaría un establecemento deste tipo o feito de que ningunha empresa animárase a apostar pola cidade.
O DUATLON, EIXE DA PROGRAMACION PARA 2014
O concelleiro de Deportes adiantou que o eixe principal da programación de eventos deportivos para o próximo ano 2014 xirará en torno ao Campionato do Mundo de Dúatlon, que se celebrará en Pontevedra o 31 de maio e o 1 de xullo. Será un dos eventos "máis importantes" do ano, xa que atraerá á cidade a miles de deportistas de todo o mundo. "Ao seu ao redor configurarase o resto de eventos deportivos", concluiu.