Poio aproba as subvencións para eventos organizados por colectivos sen ánimo de lucro
Por Redacción
A Xunta de Goberno Local do Concello de Poio aprobou na súa sesión ordinaria do pasado martes a dotación de achegas para varios colectivos locais.
Segundo informa o Concello, este reparto realizouse seguindo as bases aprobadas a principios deste ano para a convocatoria de subvencións destinadas a entidades sen ánimo de lucro, para a organización de eventos como certames, encontros, festivais musicais ou festas gastronómicas, entre outras modalidades. En total, o Concello destina máis de 57.000 euros a este fin.
Estas axudas foron outorgadas por concorrencia competitiva. Deste xeito, tivéronse en conta, á hora de realizar as adxudicacións, diferentes criterios obxectivos. Valoráronse factores como a antigüidade do evento, a duración ou a calidade da programación.
O concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez, explica que foron varios os colectivos que presentaron a documentación para optar a estas axudas. Sen embargo, moitos víronse na obriga de renunciar finalmente, ao non poder desenvolver as iniciativas previstas, por mor da pandemia da Covid-19.
Así, finalmente as puntuacións máis altas do concurso obtivéronas a Asociación Culturual, Xuvenil e Deportiva Combrus (que percibirá 12.145 euros), a Asociación Cultural Deportiva Campelo (6.905,17 euros) e a ACDM Armadiña de Combarro (9.474 euros). O importe das subvencións en ningún caso poderá superar o 75% do custo da actividade para a cal se solicita a axuda, tal e como se establecen nas bases.
Aluguer de espazos e equipamento técnico, premios en metálico, difusión e publicidade ou gastos de manutención para persoas participantes no programa son algúns dos custes que as asociacións poderán afrontar grazas a estas subvencións, tal e como asevera Xosé Luís Martínez.