O centro de formación marítimo-pesqueira A Aixola reabre as súas portas con oito novos cursos
Por Oskar Viéitez
A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, visitou este mércores ao alumnado dun dos cursos que o centro de formación A Aixola está a impartir trala súa reapertura a comezos deste mes e dentro dunha oferta académica que inclúe oito cursos, máis dun cento de prazas e máis de 2.100 horas lectivas destinadas tanto a profesionais do sector pesqueiro como a persoas que se preparan para entrar nel.
O centro, con sede no porto de Marín e dependente da Consellería do Mar, tiña previsto retomar a actividade formativa xa o pasado mes de abril pero tivo que aprazala como consecuencia da alerta sanitaria polo coronavirus.
Esta formación se centra en distintas actividades fundamentais para o desenvolvemento do sector marítimo-pesqueiro que van desde o traballo coas redes, con madeira, con materiais como o poliéster, velaría ou a reparación de embarcacións pneumáticas e de instalacións eléctricas e mecánicas en buques menores.
A titular de Mar en funcións destacou que esta formación e capacitación dos alumnos é "transcendental para favorecer o relevo xeracional no sector".
A formación é impartida pola Consellería do Mar a través do Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) e complétase cos módulos formativos de riscos laborais, que están dispoñibles para todos os alumnos, que tamén poderán participar nas accións para a busca de emprego e autoemprego así como nas titorías de apoio para facer un mellor seguimento do proceso formativo.
Rosa Quintana estivo acompañada durante a súa visita pola directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, Paloma Rueda e pola alcaldesa de Marín, María Ramallo.
A conselleira insistiu en que a formación é "chave para o futuro do complexo mar-industria de Galicia" e que por iso "a Xunta apostou sempre por ela", o que levou a que a media de matriculados nas escolas dependentes da Consellería do Mar aumentase un 60% desde 2009.
De cara ao futuro, Rosa Quintana asegura que hai que seguir a fornecer este eido co obxectivo de favorecer a incorporación de xente nova ao sector.
Relacionadas:
-
Rosa Quintana supervisa os novos cursos de formación que oferta a Aixola no seu centro do porto de Marín
Por Oskar Viéitez |
-
A Aixola oferta catro novos cursos gratuítos no seu centro do porto de Marín
Por Redacción |
-
O programa de emprego de Marín avanza cunha sesión de mobilidade transnacional
Por Redacción |
-
O BNG pide a reapertura do centro de formación Aixola
Por Redacción |