Pontevedra, única área sanitaria de Galicia sen aumento de positivos na última xornada
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés é a única de Galicia na que non aumentaron os casos activos de coronavirus nas últimas 24 horas. Segundo o balance oficial realizado polo Servizo Galego de Saúde, mantense en 45 casos activos, os mesmos que o martes.
Segundo a última actualización de datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, en Galicia hai este mércores 87 casos activos máis que o martes, subindo de 740 a 827.
O contexto é de subida xeneralizada de casos. Así, na área sanitaria da Coruña, a de maior incidencia de Galicia, hai 463 casos activos, 57 máis que un día antes, e hai catro casos máis en Lugo, que suma 84; cinco casos máis en Ourense, ata 54; oito máis en Vigo, ata 116; e nove máis en Ferrol, ata 20.
Fronte a esta subida xeneralizada, en Pontevedra e O Salnés contívose a tendencia á alza dos últimos días e, ademais, os hospitais quedaron libres de Covid-19. Non hai pacientes con coronavirus hospitalizados en planta e tampouco na área de coidados intensivos.
Desta forma, os 45 casos activos evolucionan nos seus domicilios. En toda Galicia, tres pacientes están en UCI, 35 en unidades de hospitalización e 789 no domicilio.
Tampouco hai novidades no gromo de coronavirus de Caldas de Reis, segundo o servizo de Epidemioloxía da Xefatura Territorial de Sanidade en Pontevedra. Neste gromo de coronavirus detectado a semana pasada en Caldas de Reis hai 12 casos confirmados, todos eles illados e ningún hospitalizado, e realízase seguimento a 15 contactos.
Desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 curáronse 929 pacientes na área sanitaria de Pontevedra, ningún nas últimas 24 horas, e faleceron por este virus na área sanitaria 16 pacientes.
A nivel autonómico, hai un total de 11.476 persoas curadas, rexistrándose 622 falecementos, un máis na última xornada. A última persoa falecida trátase dunha muller de 89 anos da área sanitaria da Coruña.
O número de PCR realizadas é de 269.448 en Galicia e dos 827 casos activos tres son usuarios e dous profesionais vinculados a centros residenciais. Dos 621 falecementos rexistrados desde o inicio da pandemia, 132 están en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
Relacionadas:
-
A incidencia do coronavirus volve subir en Pontevedra, con oito positivos máis nun día
Por Natalia Puga |
-
A Xunta prohibe fumar en rúas e terrazas se non hai distancia de dous metros entre as persoas
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Tres positivos máis e dúas altas de pacientes con coronavirus nas últimas 24 horas
Por Natalia Puga |