O concello contratará un proxecto integral que emende as deficiencias detectadas no colexio de Portonovo
Por Redacción
O alcalde, Telmo Martín, xunto á concelleira de Educación, Paz Lago, e o edil de Obras e Servizos, Óscar Vilar, continuaron este martes realizando a supervisión de obras urxentes para o inicio do próximo curso escolar con operarios municipais nos centros educativos do municipio.
O colexio O Telleiro, en Noalla, foi o primeiro centro da visita deste martes onde se analizaron as melloras a curto e medio prazo. Así, con carácter urxente liquidaranse os problemas de saneamento, mellorarase a canalización no exterior do recinto e renovarase a tubaxe contraincendios. A medio prazo, cambiarase todo o valado perimetral do colexio e un dos portais de entrada ao centro.
Durante esta mañá tamén se visitou a escola unitaria de Aios onde se repararán algunhas xanelas que se atopen en mal estado e procederase ao illamento da porta de entrada. No exterior, pintarase o valado perimetral e acondicionarase o xardín de entrada ao centro educativo.
No CEIP de Portonovo, a actuación precisa dun proxecto integral que analice as distintas necesidades do centro e emende as deficiencias detectadas tanto na carpintería exterior como en pavillón e mesmo aos accesos dunha zona a outra do colexio.
Tanto o alcalde como o director do centro e a propia concelleira de Educación coincidiron en que é preciso analizar "en profundidade" as carencias do centro e responder a elas de forma integral. Para o próximo curso realizaranse pequenas obras de mantemento.