Un total de 54 familias de Sanxenxo beneficiaranse da gratuidade do segundo fillo nas garderías municipais
Por Redacción
Sanxenxo implantará a gratuidade para o segundo fillo nas garderías municipais o próximo curso. O Pleno extraordinario celebrado este martes deu luz verde á modificación da ordenanza fiscal que permitirá acollerse ao plan posto en marcha pola Xunta de Galicia cos votos a favor do PP, PSOE e SAL. Unha medida que beneficiará a 54 familias das 97 que realizaron este ano a reserva de matrícula nas escolas infantís de O Tombo e O Revel.
A aplicación desta axuda na conciliación familiar obriga aos concellos que queiran adherirse a igualar as taxas das garderías ás que pertencen á rede autonómica. E é precisamente ese, un dos puntos que non cumpre o Concello de Sanxenxo que mantivo durante os últimos anos conxeladas as taxas das garderías. A modificación da ordenanza fiscal supón 9,26 euros de subida na xornada completa que queda en 169,26 euros e 4,63 euros de incremento en media xornada ata os 84,36 euros.
Ambas son as taxas máximas do servizo que se aplican ás familias coas rendas máis altas. A medida explica a concelleira de Educación, Paz Lago é "un primeiro paso para a gratuidade no primeiro ciclo de Educación Infantil e do que se van beneficiar 54 familias do municipio. Hai que ter en contar ademáis que son moi poucas as familias que pagan a cuota completa".
A gratuidade desta segunda matrícula sempre que o primoxénito sexa menor de 18 anos, como marca a medida autonómica, non supoñerá ningún prexuízo nas arcas municipais xa que o importe da taxa será devolto pola Xunta de Galicia. Neste punto incidiu a concelleira de Educación durante o Pleno.
"Esta medida vai supoñer unha axuda nestes momentos para as familias de Sanxenxo con nenos. E en canto as arcas municipais, os cartos desta segunda matriculación serán recuperados a través do Plan Concertado de Servizos Sociais", explicou Paz Lago.