O servizo de catastro tramitou máis de 170 expedientes de veciños de Ribadumia no que vai de ano
Por Oskar Viéitez
O Concello de Ribadumia informou que o servizo prestado dende a entidade municipal para facilitar as tramitacións ós veciños co Catastro tramitou no que vai de ano máis de 170 expedientes.
As xestións son presentadas directamente no momento da solicitude en catastro, co que o veciño conta dende o ese intre co número de expediente asignado, ademais de que a empresa que executa este servizo fai xa as propostas de resolución sobre os temas pendentes, axilizando así a resolución.
Destacar que Ribadumia é o único municipio da comarca con un servizo tan directo co Catastro e que se puxo a disposicións dos veciños para achegarlle os trámites e facilitarlle ditas xestións ó tempo que evitan desprazamentos ata as oficinas territoriais.
É preciso para poder facer uso deste servizo solicitar cita previa nos teléfonos 986 718491 / 99. O servizo é prestado nas oficinas do Concello os luns en horario de 9 a 14 horas.
Cabe lembrar que Ribadumia foi unha das pioneiras na sinatura do convenio con Catastro a nivel nacional, contando cunha empresa autorizada que se encarga de tramitar as xestións que os veciños necesiten realizar nas dependencias da Xerencia Territorial de Catastro sen ter que desprazarse a Pontevedra e axilizar as mesmas.
Isto supón que os veciños poden resolver calquera cuestión dende Ribadumia, tanto novas tramitacións como xestións en curso posto que esta empresa, ó ser autorizada por Catastro, coñecerá todos os expedientes pendentes de resolución dos veciños.