Cinco denuncias a persoas que non levaban máscara durante a primeira noite das festas da Peregrina
Por Natalia Puga
A primeira noite das festas da Peregrina, e habitualmente a de maior afluencia de persoas nas rúas de Pontevedra, pechouse na madrugda deste sábado a este domingo sen apenas incidencias e cun balance positivo por parte da Policía Local en canto ao comportamento de pontevedreses e visitantes.
Segundo o balance realizado pola Policía Local, o dato máis relevante da noite é que non se rexistraron incidencias importantes a pesar de que se realizaron controis exhaustivos por toda a cidade.
Así, ao longo de toda a noite os axentes municipais realizaron varios controis do uso de máscaras, un deles en colaboración coa Policía Nacional, e o resultado final foi de cinco denuncias por non usar este elemento de protección obrigatorio para frear os contagios de coronavirus.
Segundo indicou a Policía Local, tanto nos tres concertos que se organizaron nas prazas de España e A Ferrería e as pistas de Campolongo como na rúa houbo "bastante xente", pero sempre se constatou o uso de máscara.
A Policía Local non efectuou ningunha denuncia por "botellón" nin detectou concentración das coñecidas como 'peñas', grupos de mozos que cada ano tradicionalmente saen á rúa para beber e divertirse durante as noites das festas da Peregrina e que este ano non realizaron ningunha convocatoria coñecida.
Os axentes destacan que na tirada de fogos sorpresa que se realizou a medianoite na avenida de Montero Ríos tampouco se rexistrou ningún incidente.
Igualmente tranquila foi a noite en relación co tráfico. Así, os axentes realizaron un control de alcoholemia na rúa Alameda e tan só detectaron un condutor que deu positivo, cunha taxa de 0,27 miligramos de alcol por litro de aire expirado.
Relacionadas:
-
Pontevedra, unha cidade con poucos incumprimentos: só 37 cidadáns denunciados por non levar máscaras
Por Natalia Puga |
-
Última fin de semana para gozar dunhas intensas pero contidas festas da Peregrina
Por Redacción |
-
VÍDEO.- O ceo de Barcelos encheuse de pirotecnia por primeira vez
Por Redacción & Cristina Saiz |