Cerdedo-Cotobade investirá 486.000 euros na creación do Centro Cultural e Turístico Antonio Fraguas en Carballedo
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade proxecta a creación do Centro Cultural e Turístico Antonio Fraguas en Carballedo cun investimento de 486.000 euros que permitirá rehabilitar o antigo edificio do cine-baile, situado na marxe esquerda da entrada á capital municipal na estrada procedente de Bora.
O Concello xa dispón do proxecto, que contempla a preservación do inmoble existente coa apertura de grandes ocos para iluminación e ventilación e o levantamento da cuberta para poder albergar comodamente dúas plantas. O futuro centro cultural contará con 477 metros cadrados que permitirán dispoñer dun amplo vestíbulo que poderá acoller recepcións e exposicións, unha aula formativa de 55 metros que será divisible en dúas estancias e un núcleo de aseos. Xa no primeiro andar disporase dunha ampla sala diáfana con preto de 150 metros cadrados que terá capacidade para acoller a 130 persoas sentadas.
Así mesmo, acometerase unha pequena ampliación na parte posterior do edificio que acollerá un almacén, o cuarto de instalacións e o ascensor, permitindo deste xeito, e aproveitando o desnivel do terreo, que as dúas plantas teñan accesos independentes para celebrar actos simultaneamente.
Todo elo realizarase con materiais nobres, que favorezan a durabilidade do inmoble, como o granito xa existente, a madeira ou o zinc, que se misturarán con outros máis actuais, como aluminio, aceiro ou formigón, e que se completará coa dotación de novas tecnoloxías.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, explicou que, tras decidir a idea e dispoñer do proxecto, agora afanarase na búsqueda do financiamento, que agarda pechar nos vindeiros meses, e aclarou que esta iniciativa "é unha necesidade coa que pretendemos seguir impulsando e difundindo o legado de Antonio Fraguas tras as exitosas Letras Galegas do ano pasado e dar un espazo social e cultural, como foi no pasado este edificio, á veciñanza, xa que na actualidade carece do mesmo".
Nesta liña, indicou que este centro permitirá ampliar a oferta cultural e formativa de Carballedo, favorecendo a celebración de concertos, obras de teatro ou proxeccións, e outorgar un lugar axeitado ás asociacións e ás agrupacións musicais.
Relacionadas:
-
A Xunta aporta 350.000 euros para o novo Centro Cultural e Turístico Antonio Fraguas
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade e A Lama reforzan os servizos de atención ao cidadán con alumnos do Taller de Emprego
Por Redacción |
-
Actividades deportivas e de lecer ao aire libre en Cerdedo-Cotobade para facilitar a conciliación
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade denuncia os "reiterados incumprimentos" na recollida de lixo
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade activa un plan para protexer as súas 18.000 hectáreas forestais
Por Redacción |