O Programa Integrado de Emprego impulsa novos cursos e actividades de formación
Por Redacción
O Programa Integrado de Emprego (PIE) do Concello de Poio continúa traballando da pleno rendemento durante o verán. O departamento, que ofrece diferentes ferramentas en chave de formación, información e asesoramento a persoas maiores de 45 anos e menores de 30, así como a persoas en risco de exclusión social ou vítimas de violencia de xénero, iniciou a principios deste mes de agosto as sesións para obter o certificado de profesionalidade de limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais.
Ademais, desde finais de xullo estase a realizar un curso de auxiliar de comercio, con 140 horas de duración, e que durante o outono contará cunha segunda edición. Obradoiros de inglés, de manipulador de alimentos ou de operario de almacén, así como de 'coaching' para a obtención de emprego, son outras das actividades que xa están en marcha ou que se levarán a cabo a partir de setembro.
O Programa Integrado de Emprego traballa cun grupo pechado de 100 persoas, que reciben este servizo no Centro de Formación da Reiboa, na parroquia de San Xoán. Todas as actividades formativas se levan a cabo cumprindo coas medidas de distanciamento, hixiene e aforo anti Covid-19.